16 de abr. de 2025

A GUARDA

O Grupo Socialista da Guarda presenta unha moción para solicitar á Xunta a instalación de gaiolas-trampa no Monte Trega 

 Ante os problemas causados polo xabaril 

 

Vista das persoas que asistiron á reunión na Guarda con motivo dos danos polo xabarín
Foto: GMS


Infogauda / A Guarda

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda vén de presentar, a través da sede electrónica, unha moción dirixida ao Pleno da Corporación na que solicita ao Concello que inicie os trámites necesarios coa Xunta de Galicia para a instalación de gaiolas-trampa no Monte Trega, como medida de control fronte a cada vez máis recorrente presenza de xabaríns en zonas habitadas.  

 A moción é o resultado directo das reunións veciñais celebradas en Camposancos e na Guarda, que contaron con moita afluencia, e durante as que se recolleron numerosos testemuños de persoas afectadas por encontros directos con xabaríns, danos en cultivos ou propiedades privadas, e situacións de risco nas estradas, incluído un incidente que estivo a piques de afectar a un autobús escolar.  

 Desde o Grupo Socialista destacan que esta proposta non responde a unha visión alarmista nin pretende criminalizar a fauna salvaxe, senón dar resposta á preocupación cidadá con medidas proporcionadas, realistas e adaptadas á realidade do Monte Trega, onde non está permitida a caza.  

 “Tras falar co persoal técnico da Xunta de Galicia, chegouse á conclusión de que a mellor medida para o control do xabarín no Trega son as gaiolas-trampa, unha ferramenta de control selectiva e controlada, axeitada para espazos nos que non se pode empregar a caza e onde se require unha actuación puntual sobre exemplares que provocan problemas recorrentes. A súa instalación permite actuar con seguimento técnico e sen riscos innecesarios, tanto para as persoas como para o resto da fauna.”, sinala a voceira socialista, Fátima Rodríguez.  

 O texto da moción tamén solicita ao Concello que recolla formalmente as queixas e incidencias da veciñanza para xustificar tecnicamente a petición, e fai un chamamento a todas as forzas políticas da Corporación a apoiar a proposta conxuntamente, “como un paso responsable e necesario para protexer as persoas, os cultivos e a convivencia co medio natural”.  

 A voceira tamén sinala: “Entendemos que poida haber diferentes opinións sobre a xestión da fauna, pero negar o problema non o resolve. O que estamos facendo é dar unha resposta á preocupación da xente cunha proposta sensata, adaptada ás peculiaridades do noso territorio e pensada para protexer tanto ás persoas como ao propio entorno”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario