O Clinic do R. C. Celta formou na Guarda a 26 rapaces de 4 a 14 anos
Infogauda / A Guarda
Un total de 26 nenos de A Guarda desfrutaron estes días do Clinic que o R.C. Celta de Vigo organizou no campo municipal de fútbol da Sangriña.
Coa colaboración do Concello de A Guarda e do Sporting Guardés, esta actividade permite á rapazada seguir fortalecendo as habilidades futbolísticas, sen esquecer os valores do deporte.
Esta terceira edición volveu a ser unha oportunidade para que os nenos adestraran, aínda que fose por uns días, como os seus xogadores favoritos. Ademais de aprender e mellorar o seu xogo e habilidade, a diversión tamén reinou no campo da Sangriña.
“Foi moi fácil traballar con eles; son supereducados”, destacaba un dos seus adestradores estes días, Martín Varela. Ademais, “agardamos volver o ano que vén, aínda que falaremos co alcalde para que nos mellore o tempo”, engadía Varela, sobre os días de chuvia nos que lle tocou traballar.
Aínda así, os nenos guardeses aproveitaron ao máximo esta oportunidade e como dixo Víctor Manuel Lomba, presidente do Sporting Guardés: “esta é a terceira edición, mais agardamos que haxa máis”.
Para rematar o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero quixo agradecer ao R.C. Celta por elixir A Guarda para esta actividade, agardando “que de aquí saian moi bos xogadores tanto para o Sporting Guardés, como para o Celta de Vigo”. O Celta agasallou ao Sporting Guardés e ao Concello de A Guarda cun banderín de capitán co escudo do club vigués.
Ningún comentario:
Publicar un comentario