BALONMAN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés asegura a continuidade de María Palomo
• A pivote madrileña continuará unha tempada máis na Guarda, onde cumpre o seu terceiro ano e consolídase como unha peza crave no esquema defensivo do equipo
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés continúa construíndo o seu proxecto deportivo para a tempada 2025/2026 coa renovación de María Palomo, unha das súas xogadoras máis destacadas. A pivote madrileña, que chegou ao club en 2023 procedente do Xixón, suma así o seu terceiro ano consecutivo na Guarda e convértese na novena xogadora confirmada para o próximo curso.
Palomo disputou todos os encontros da liga regular ata a data, cun total de 42 goles anotados, aínda que o seu verdadeiro impacto nótase no traballo defensivo, sendo un piar no centro do sistema 6:0. A súa solidez foi fundamental para que o Mecalia Atlético Guardés sexa o equipo menos goleado da categoría.
O rendemento da xogadora tamén tivo eco a nivel nacional. Esta tempada foi convocada en dúas ocasións por Ambros Martín para formar parte das Guerreiras, participando tanto no Torneo de Manzanares como na recente xanela internacional na que España mídese a Croacia por unha praza no Mundial 2025.
“Renovar na Guarda é bastante fácil. Vívese moi ben e sentímonos moi arroupadas”, afirma María Palomo, quen se mostrou “moi contenta e ilusionada” por continuar un ano máis co club. Ademais, destaca o gran momento do equipo, que este sábado certificou a súa primeira posición en liga tras vencer ao Málaga, asegurando así o seu retorno a competición europea, algo que define como “un premio”.
A pivote tamén valorou o ambiente do vestiario, o compromiso do corpo técnico liderado por Ana Cristina Teixeira Seabra e o apoio incondicional da afección guardesa, factores decisivos para selar unha renovación que, segundo as súas palabras, “ambas as partes ansiaban”.
Coa súa continuidade, María Palomo únese ás xa anunciadas renovacións de Cristina Cifuentes, Cecilia Cacheda, Blazka Hauptman, Ania Ramos, María Sancha, Carme Castro, Elena Martínez e Estela Carrera. O club seguirá anunciando novas incorporacións nas próximas semanas, mantendo firme a súa aposta pola estabilidade e a ambición deportiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario