A Deputación presentará a 32 Bienal de Pontevedra en ARCOmadrid, a principal feira de arte contemporánea de España
• O acto terá lugar o 7 de marzo e o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, será o encargado de realizar a presentación, na que ademais terá lugar unha conversa entre a artista Marta Pazos, Antón Castro, comisario xeral, e Iñaki Martínez, comisario de artes vivas
Infogauda / Pontevedra
A Deputación presentará a 32ª edición da Bienal de Arte de Pontevedra en ARCOmadrid, a principal feira de arte contemporánea de España. Será o venres 7 de marzo na sala AVWL do Pavillón 9 de Ifema, nun acto no que o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, exporá o proxecto de recuperación, despois de quince anos de ausencia, da bienal de arte máis antiga de España. A presentación completarase cunha conversa entre a artista pontevedresa Marta Pazos, unha das figuras máis destacadas das artes escénicas contemporáneas, Antón Castro, comisario xeral da Bienal de Pontevedra, e Iñaki Martínez Antelo, comisario responsable do programa de artes vivas.
Con esta presentación, na que tamén participará o Concello de Pontevedra a través do seu concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, búscase dar a coñecer a Bienal entre o público especializado formado por galerías de arte, coleccionistas, artistas, institucións e outros profesionais vinculados á arte contemporánea. O vicepresidente e o equipo curatorial da Bienal aproveitarán tamén a visita a ARCO para achegarse a obras expostas na feira internacional de artistas que estarán presentes na cita deste verán en Pontevedra.
A 32ª edición da Bienal de Pontevedra celebrarase do 21 de xuño ao 30 de setembro baixo o título “Volver a ser humanos… ante a dor dos demais”. Afondará en temas como a guerra e a paz, as migracións e exilios, a imaxinación e a escuridade e a espiritualidade e a utopía, analizando o impacto de conflitos actuais en Ucraína, Gaza, Líbano e outros menos coñecidos en lugares como Sudán, Malí ou Nixeria, e reflexionando sobre a importancia de conectar coa dor allea e a profundar na empatía e en nosa propia humanidade a través da arte
O epicentro da Bienal será o Museo de Pontevedra, estendéndose tamén por toda a cidade e chegando a outras localidades da provincia como Vigo, Ponteareas, Sanxenxo ou O Grove. Concentrará a máis de sesenta artistas internacionais e ata o de agora están xa confirmados a palestina Raida Adon, o francés Patrice Warrener, os españois Marina Núñez, Gervasio Sánchez e Francesc Torres, o israelí Miki Krstman, o portugués Manuel Casimiro e a greco-exipcia Fradia El-Gazzar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario