A ENTIDADE LOCAL MENOR DE CAMPOSANCOS APROBA OS ORZAMENTOS PARA O 2025
• Mª Mercedes Martínez Vázquez (Merchi): “Acabamos de aprobar uns orzamentos históricos que superan en 42.000€ os dos últimos anos, e que nos van permitir un importante investimento na rede de augas”
Infogauda / Camposancos
No pleno do día 12 de marzo foron aprobados os orzamentos da Entidade Local Menor (ELM) de Camposancos, co voto a favor do BNG e do PP e a abstención do PSOE.
En decraracións a este xornal dixital transfronteirizo, a alcaldesa-pedánea Mª Mercedes Martínez Vázquez (Merchi), referíu: “Acabamos de aprobar uns orzamentos históricos que superan en 42.000€ os dos últimos anos, e que nos van permitir un importante investimento na rede de augas”.
O incremento dos orzamentos débese á modificación da ordenanza fiscal das augas, que tamén foi aprobada nese mesmo pleno, e á nova licitación do Club de Tenis Codesal, cuxa concesión rematou despois de 50 anos.
Os novos orzamentos contemplan unha partida importante para investir na rede de augas, imprescindible para optimizar o servizo (renovación de instalacións obsoletas, tubaxes, novas tecnoloxías).
Incorpóranse tamén partidas para a recuperación do lavadoiro da Pasaxe, para poñer en marcha novamente un campamento de verán que levaba dous anos sen facerse por antepoñer o investimento na rede de augas. Así mesmo contemplan a realización do primeiro centenario da Entidade Local Menor de Camposancos (ELM), xunto con actividades culturais, Nadal ou para a conservación e desbroces de camiños.
A alcaldesa-pedánea, Mª Mercedes Martínez (Merchi), mostrou a súa satisfacción pola aprobación destes orzamentos e manifestou “o incremento dos orzamentos representan un avance importante onde se priorizan fundamentalmente os investimentos na rede de auga potable sen descoidar outros aspectos fundamentais que nos permitan seguir mellorando Camposancos”.
O pleno tamén aprobou a ordenanza fiscal reguladora da prestación de abastecemento de auga potable da ELM que marca un equilibrio entre gastos e recadación, como recomenda o principio de suficiencia financieira para taxas locais, e que está respaldado polos correspondentes informes económico-financieros. Nesta ordenanza continúase cunha tarifa de mínimos e a partir dos mínimos, págase en función dos litros consumidos de tal xeito que quen máis consume, máis deberá pagar.
A Entidade Local Menor de Camposancos cumple en 2025, un século de historia
A Entidade local menor de Camposancos é a máis antiga de Galicia. A finais do século XIX xa había unha Xunta Administrativa que xestionaba os bens do coto de Camposancos, de acordo con o previsto nas leis municipais de 1870 e 1877. Durante o Antigo Réxime era un coto dependente do Bispado de Tui, que arrendaba os seus bens aos veciños da parroquia. En 1870 este foro foi abolido.
A parroquia de Santa Isabel de Camposancos créase en 1798 despois de separarse da parroquia de San Lourenzo de Salcidos. Constitúese como concello propio ata que en 1836, coa creación definitiva dos concellos constitucionais, será incluída no concello da Guarda. Ten unha superficie de 412 hectáreas e 845 habitantes*. O territorio comprende unha parte do monte de Santa Trega e praias de recoñecido prestixio. Consta dos seguintes lugares: A Armona, Bouza da Fonte, O Couto, A Granxa, O Muíño, O Outeiro, Pombal, A Pasaxe, Sáa e Salgueiró. É recoñecida como Entidade local menor en abril de 1925 e queda constituída definitivamente o 23 de maio de 1925. O primeiro alcalde pedáneo foi Domingo Domínguez.
Fonte: Deputación de Pontevedra
* O dato referido a poboación non está actualizado.
Segundo o INE, en 2023, a poboación total da parroquia de santa Isabel de Camposancos (A Guarda), era de 1.039 habitantes (503 homes e 536 mulleres). Datos publicados o 23 de xaneiro de 2024.
Ningún comentario:
Publicar un comentario