PERSOAS DEVOTAS DA COMARCA CONMEMORARÁN A FESTIVIDADE DE SAN BIEITO "DO INVERNO"
• O venres día 21 de marzo de 2025
Ricardo Rodríguez Vicente / A
Guarda
Con eucaristías que serán oficiadas
o venres, día 21 de marzo, ás 9:00, 10:00, 11:00, 12:00 (solemne) e 18:00 horas, respectivamente, na igrexa que pertenceu o mosteiro de monxas bieitas da Transfiguración do Señor,
fundado en 1558 polos irmáns Ozores e Sotomaior e Maior de Zúñiga, situado
fronte a Chan de Conde - predio que foi dos Condes de Priegue -; a vila de A
Guarda celebrará a festividade de san Bieito “do inverno”.
O rematar cada unha das misas, poderase merca-la medalla-crucifixo de san Bieito abade, de orixe moi antiga.
O deseño desa medalla foi fixado polo papa Benedicto XIV. Dunha parte leva a imaxe de S. Bieito. No anverso leva a efixie do santo, coa cruz na man dereita e a Regra da Orde Bieita na man esquerda; a súa dereita unha copa de onde fuxe unha cobra (lembranza do viño enveleñado do que se salvou milagrosamente); a esquerda un corvo lévase o pan con veleno. Asemade poden lerse as seguintes verbas: "EX S.M. CASINO MDCCCLXXX" (Do Sacro Monte Cassino 1880). A ambos os dous lados "CRUZ SANCTI PATRIS BENEDICTI" (Cruz do S. Padre Bieito). Arredor da imaxe: "EIUS IN OBITU NOSTRO PRAESENTIA MUNIAMUR" (Que nos defenda na nosa morte coa súa presenza).
"A medalla de san Bieito emprégase para todas as necesidades espirituais e temporais, a condición que se use con espírito de fe. Esta medalla - que debe ser bendicida por un sacerdote ou por un diácono - é eficaz contra as epidemias, os velenos, algunhas enfermedades especiais e contra os maleficios e as tentacións do demo", dixo a este cronista, unha devota de san Bieito, que desde fai varios anos, coida o santuario.
Ademáis de estar considerado o Patriarca do monacato occidental, fundador da Orde Bieita e a vez, Padroeiro dos exorcistas; san Bieito conta con numerosos devotos da nosa vila e de toda a comarca do Baixo Miño. Non en van, A Guarda honra a san Bieito en dúas ocasions ó longo do ano. A primeira delas, o 21 de marzo e que se coñece popularmente como a festividade de "San Benitiño do inverno", e a segunda, tén lugar o 11 de xullo e denomínase "San Benitiño do vrán". En ambas as dúas ocasións, os devotos ofrécenlle ó santo esmolas e exvotos de cera, representando diversos membros (cabezas, extremidades,...) e incruso figuras antropomorfas - que teñen forma ou apariencia humana -, co fin de obter os numerosos beneficios que segundo a fe popular adoita conceder o popular santo, nado no ano 480 nos Montes Sabinos, preto de Roma. Os exvotos están dispoñibles na mesma igrexa de san Bieito, para todas as persoas que desexen mercalos e ofrendarllos ao santo.
A san Bieito atribúenselle poderes curativos de diversas enfermedades, especialmente as espullas e males (psoríase,...) relacionados coa pel. A tradición di que para elimina-las espullas hai que ter fe en san Bieito e botar un pouco de aceite do lampadario do santo, que se distribúe entre seus devotos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario