10 de feb. de 2025

TUI

O Concello lanza unha campaña especial por San Valentín 

•  Con “Tui, meu amor” aposta por eventos inmersivos para disfrute de toda a familia 


Vista da Praza da Inmaculada, de Tui
Foto: C.T.

Infogauda / Tui 

 O Concello de Tui presenta a campaña "Tui, Meu Amor" con motivo de San Valentín, que converterá a Praza da Inmaculada nun escenario perfecto para vivir unha experiencia chea de encanto onde a esencia bohemia de París se fusiona co encanto da cidade.   

 A celebración ofrecerá unha experiencia única con gastronomía francesa, música instrumental e unha atmosfera máxica que, máis alá do amor romántico, invita a celebrar o amor en todas as súas formas, gozando dos pequenos praceres e da beleza do día a día.   

 Música en directo, recunchos con encanto, experiencias sensoriais e a maxia de Tui transportaranos a un Montmartre tudense cheo de inspiración. O evento levarase a cabo este venres 14 de febreiro, de 17 a 20 h, e este sábado 15 de febreiro, de 12 a 14 h e de 16 a 20 h. Durante estes dous días, as persoas asistentes poderán gozar dunha experiencia única nun espazo creado para a ocasión; saborear unha taza de café quente ao son da música, descubrir novos sabores, perderse no encanto da lectura, sacarse unha fotografía á antiga usanza, regalarse un tempo para gozar do momento ou participar nun obradoiro de pintura ao aire libre. En concreto o sábado de 12 a 14 h celebrarase un obradoiro de Acuarela Urbana, destinado a persoas maiores de 10 anos interesadas na arte e en aprender a pintar en acuarela ao aire libre. Non é precisa inscrición previa.  

 Amais o sábado, de 17 a 20 h as persoas que acudan a este evento poderán deleitarse coa música do saxofonista Marcos Sabor.  

 Como broche final, quen o desexe poderán inmortalizar o momento no muro “do amor”, un espazo para a sesión fotográfica inspirada no famoso muro dos “Je t’aime" de Montmartre, onde poderán deixar as súas mensaxes de amor e amizade.  

 “Tui, meu amor” convértese nunha oportunidade perfecta para que tudenses e visitantes gocen dun anaco de París sen saír de Galicia, creando recordos inesquecibles nunha das datas máis especiais do ano.  

Eventos inmersivos para o disfrute de toda a familia  

 O Concello de Tui segue apostando por eventos singulares que convidan a visitar a cidade e gozar dun ambiente divertido, familiar e cheo de maxia. Despois do éxito de O Máxico Taller de Papá Noel, Tui volve sorprender a súa cidadanía e aos visitantes cunha proposta diferente, orixinal e inmersiva, que fará deste San Valentín unha experiencia única na cidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario