A Eurocidade Tui-Valença celebra trece anos de cooperación transfronteiriza
• Un concerto este sábado ás 21 horas, no Teatro Municipal de Tui conmemorará este aniversario
Infogauda / Tui
A Eurocidade Tui-Valença celebra trece anos de cooperación transfronteiriza cun concerto a cargo de catro formacións das dúas beiras do Miño este sábado, ás 21 h, no Teatro Municipal de Tui.
Hoxe, 10 de febreiro, cúmprense 13 anos da sinatura do protocolo entre ambas cidades co que se materializou a creación da Eurocidade plasmando a nivel institucional as relacións que dende hai séculos manteñen as poboacións tudense e valenciana.
Baixo a dirección de Eloy Carrera un centenar de músicos da Associação Musical de São Pedro da Torre, Old Brigde Band, o Conservatorio Profesional de Música de Tui e a Banda de Música Popular de Tui, ofrecerán un repertorio con temas emblemáticos de diferentes estilos e épocas coma “SweeT Caroline” de Neil Diamond, “Don’s Let Me Down” dos Beatles, “Superstition” de Stevie Wonder ou “It’s not unusual” de Tom Jones, entre outros.
Este mediodía o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Cámara de Valença do Minho, José Manuel Vaz Carpinteira xunto representantes das catro agrupacións que actuarán conxuntamente no concerto conmemorativo deste aniversario, estiveron no Teatro Municipal.
Con este evento a Eurocidade Tui-Valença celebrará trece anos de unión e de cooperación en moi diversos ámbitos.
A entrada para o concerto será libre até completar aforo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario