O BNG exixe a Interior respectar o topónimo oficial de Tui e corrixir o seu uso deturpado
• Rego denuncia un novo incumprimento flagrante da lexislación en materia lingüística e do nomenclátor da Galiza e chama a tomar medidas para evitar que se volta a repetir
• O BNG reclama ao Goberno que cumpra coa legalidade vixente e corrixa o topónimo deturpado no Centro de Cooperación Policial e Aduaneira incluíndo a súa forma legal
Infogauda / Tui
O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado no Congreso, vén de reclamar ao Goberno que cumpra coa legalidade vixente e respecte a toponimia oficial galega. No concreto, Néstor Rego exixe ao Ministerio de Interior que retire o rótulo do Centro de Cooperación Policial e Aduaneira de Tui e corrixir o topónimo deturpado de maneira que se inclúa a forma legal. A organización nacionalista demanda medidas contundentes para que non se produzan novamente estas vulneracións lingüísticas.
O novo Centro de Cooperación Policial e Aduaneira de Tui, sito na Avenida de Portugal desta localidade, conta no exterior cun rótulo que utiliza o topónimo deformado, non oficial e non amparado legalmente. Estas instalacións, impulsadas polo Ministerio de Interior do Goberno do Estado, conforman un Centro de cooperación transfronteiriza en que traballan funcionarios e funcionarias de distintos corpos policiais do Estado español e de Portugal.
“Máis unha vez, o Goberno do Estado, neste caso o Ministerio do Interior, volve ignorar toponimia oficial e estabelecida no nomenclátor da Galiza á hora de instalar a rotulación e indicadores do edificio” denuncia o deputado do BNG no Congreso. Ante esta situación, Néstor Rego exixe a retirada do rótulo coa forma toponímica deformada e a colocación dun novo coa forma oficial do topónimo, cumprindo así coa lexislación en materia lingüística e do nomenclátor na Galiza.
A toponimia oficial na Galiza, lembra o deputado nacionalista, está estabelecida pola Lei 3/193 de normalización lingüística onde sinala que “os topónimos terán como única forma oficial a galega”. “As galegas son, por tanto, as únicas denominacións legais a todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas” afianza Rego o seu argumento.
Tirón de orellas ao Goberno por parte de Europa
O Comité de Expertos do Consello de Europa ten dirixido ao Estado español en diversas ocasións requirimentos por incumprir as súas obrigas como asinante da Carta Europea das Linguas no referido aos dereitos lingüísticos dos galegos e galegas. Advertencias, enfatiza Rego, que deberan levar a extremar a dilixencia e respecto por parte da Administración Xeral do Estado sobre o uso do galego e dos seus topónimos oficiais.
“O Goberno debe rectificar e tomar todas as medidas necesarias para que non se produzan este tipo de vulneracións lingüísticas novamente en ningunha área ou departamento ministerial. Debe dar exemplo no cumprimento dos dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos e cumprir as recomendacións dirixidas polo Consello de Europa en relación á Carta Europea das Linguas” asevera.
Ningún comentario:
Publicar un comentario