17 de feb. de 2025

TUI

Tui vai celebrar o Día de Rosalía con actividades infantís, poemas na rúa e degustación do Caldo de Gloria   




Infogauda / Tui

 Este próximo domingo, 23 de febreiro, é o Día de Rosalía. Por este motivo o Concello de Tui elaborou un programa de actividades con propostas infantís, poemas na rúa e degustación do Caldo de Gloria.  

 Así o próximo luns, 24 de febreiro, ás 12 h o novo espazo sociocultural, da rúa Camilo José Cela acollerá unha actividade para o alumnado dos primeiros cursos de Educación Primaria a cargo de “Trémola Teatro”. A actriz Paula Regueiro traerá o contacontos “Historias soñadas”; un espectáculo creado a partir de textos e da vida de Rosalía de Castro que mestura poesía, cancións e música para achegar ás crianzas a unha das figuras máis importantes da nosa cultura.  

 O luns ás 17.30 h, na Biblioteca Municipal, haberá un obradoiro titulado “Facer chapas con Rosalía” no que as nenas e nenos realizarán diferentes chapas da autora, xogando con diferentes versos e imaxes,  despois de coñecer algúns dos aspectos máis relevantes da súa vida e obra. É unha actividade dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 11 anos de idade. Poden participar os nenos e nenas que sexan socios da Biblioteca Municipal de Tui. Cómpre inscrición previa a través do correo electrónico biblioteca@tui.gal.  

 Ao longo da xornada do luns na Biblioteca Municipal estará “A figueira de Rosalía” na que as persoas usuarias están convidadas a engadir un poema seu ou de Rosalía como unha nova folla desta árbore que irá medrando ao longo deste día.  

 Tamén dende a Concellería de Cultura, que dirixe a concelleira Sonsoles Vicente Solla, se convida á degustación do “Caldo de Gloria” na casa ou nos restaurantes colaboradores, que nesta edición son: Emma Tapas&Bruch, Empanadaría Aloia, Restaurante “El Molino”, Restaurante “O novo Cabalo Furado” e Restaurante “O Cruceiro do Monte”. Esta é unha iniciativa promovida dende a Fundación Rosalía de Castro a partir do poema “Miña casiña, meu lar” (Follas novas, 1880), no que unha muller pobre que chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote, quentarse ó pé do lume e ser feliz.  Sinalan dende a Fundación Rosalía de Castro que “queremos que Galicia lembre a Rosalía no seu día compartindo en lugares públicos ou no ambiente familiar este ‘caldo de gloria’ dos humildes, un caldo para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular”.  

 Finalmente en diversos lugares do centro de Tui estarán colocadas lonas con poemas de Rosalía de Castro para lembrar esta data e divulgar a súa obra poética entre a veciñanza.  

 A Concellería de Cultura do Concello de Tui promove a conmemoración arredor do 23 de febreiro do “Día de Rosalía” cando se conmemora o 188 aniversario do nacemento da escritora máis representativa e reivindicativa de Galicia pola súa defensa do pobo e da lingua. O seu libro Cantares Gallegos sinala o inicio da restauración do uso escrito da nosa lingua e o final dos Séculos Escuros de silencio e esquecemento. A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario