4 de feb. de 2025

TOMIÑO

Tomiño abre as inscricións para participar no seu ‘Venres de Foliada’, que será o día 28 de febreiro  

• As agrupacións interesadas en participar, poderán presentar a súa solicitude por Sede Electrónica, dende hoxe até o día 10 deste mes  


Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 Tomiño prepárase para desfrutar, un ano máis, do seu tradicional ‘Venres de Foliada’, un desfile de Entroido dos mellores de Pontevedra, que este ano celebrarase o venres 28 de febrero, a partir das 21.30 horas. 

 As agrupacións interesadas en participar no desfile de comparsas poderán realizar as súas inscricións a través da Sede Electrónica do Concello, a partir de hoxe, día 4 de febreiro, ata o día 10 do mesmo mes, ambos os dous inclusive. 

 A participación está aberta a todas as asociacións veciñais, culturais, xuvenís, grupos e centros escolares que se presenten en comparsa ou grupo, tendo preferencia para participar as comparsas ou grupos tomiñeses. Haberá entre 10 e 20 comparsas participantes que deberán estar formadas por un mínimo de 15 compoñentes e con carrozas que non excedan os 8 metros de longo por 3,5 m de ancho e 4,5 m de alto, sempre sen cabalos. 

 No caso de que máis de 20 comparsas soliciten participar no ‘Venres de Foliada’ unha comisión técnica será a encargada de avaliar as propostas presentadas, escollendo ás que maior puntuación obteñan segundo o concello de procedencia, o número de compoñentes e a descrición da comparsa, atendendo á súa temática, orixinalidade, posta en escena, iluminación e son, valores sociais e culturais, entre outros criterios de valoración. 

 A alcaldesa, Sandra González, convida a todas as entidades e á veciñanza a participar nesta celebración tradicional que cada ano dá o pistoletazo de saída ao entroido na comarca. "É un orgullo ver desfilar ás nosas comparsas e lucir unhas escenografías froito de moitos meses de traballo e esforzo”. A compensación económica para as comparsas participantes será a seguinte: 

● Comparsas de 15 a 30 compoñentes e sen carroza: 100,00 € 

● Comparsas de 31 a 45 compoñentes e sen carroza: 150,00 € 

● Comparsas de 46 ou máis compoñentes e sen carroza: 200,00 € 

● Comparsas de 15 a 40 compoñentes e con carroza: 200,00 € 

● Comparsas de 41 a 60 compoñentes e con carroza: 300,00 € 

● Comparsas de 61 a 80 compoñentes e con carroza: 400,00 € 

● Comparsas de 81 ou máis compoñentes e con carroza: 500,00 € 

 O número de orde das comparsas no desfile será por rigoroso orde de chegada ao lugar de saída (rúa ao lado do colexio público Pedro Caselles). O percorrido, como é habitual, transcorrerá pola rúa Gondomar ata rematar na Pedra. 

 Poden consultarse as bases completas no taboleiro de anuncios da web do Concello de Tomiño.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario