A mocidade tomiñesa apúntase ás actividades organizadas polo Concello a través da OMIX
• Os cursos e obradoiros de traballo manual son os que maior poder de convocatoria tiveron ao longo do ano 2024
Infogauda / Tomiño
Un total de 339 persoas, na súa maioría mozas e mozos, inscribíronse nos cursos organizados pola Oficina Municipal Xuvenil de Tomiño (OMIX) durante o ano 2024.
As actividades que tiveron maior éxito foron as manuais, como quedou demostrado nos obradoiros de Construción de Pandeiretas (79 inscritos/as); Corte e Confección (2 grupos) cun total de 64 persoas, e Bordado sobre Fotografía en Tea, con 50 participantes.
Asemade, gozaron de boa aceptación os cursos de Horticultura Ecolóxica (33 persoas); Monitor/a de Lecer e Tempo Libre (32 inscritos), e Bailes de Serán (20 apuntados).
Por último, con 17 persoas cada un, atópanse o Curso Básico de Francés A1 modalidade en liña; o obradoiro de Artes Plásticas e o curso de Lingua de Signos Española A2.
Finalmente, o obradoiro de canto “Operación Triunfiño” en Tomiño”, contou con 9 persoas inscritas.
Por outra banda, a principios deste ano convocáronse outros dous novos cursos, ambos os dous, de costura e de 20 horas (nivel iniciación e avanzado), que gozaron tamén de moi boa acollida por parte da mocidade.
Aos cursos organizados pola oficiña municipal xuvenil, hai que sumar as actuacións, espectáculos e outras propostas artísticas (mais dunha vintena) que se fixeron dende o Departamento de Cultura, en dous ciclos principalmente (Primavera Cultural e CulturON2024) e que contaron co apoio de máis de 2500 asistentes.
“Estas cifras confírmannos que imos por bo camiño na nosa proposta formativa e de cultural, na que non falta o teatro, a música, o circo ou a maxia, sempre pensando nos intereses, tanto da nosa infancia e mocidade, como dun público familiar”, valora Sandra González, alcaldesa de Tomiño.
Destaca a rexedora o feito de que a maioría das actividades son escollidas polos propios mozos e mozas, entre unha serie de propostas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario