A Deputación de Pontevedra aproba achegas por valor de 550.000 euros para que cinco concellos da provincia realicen melloras en equipamentos deportivos
• Son recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 8 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, que chegan esta semana a Forcarei, A Guarda, Meis, Ponte Caldelas e As Neves
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novas achegas por valor de 550.000 € do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que os concellos de Forcarei, A Guarda, Meis, Ponte Caldelas e As Neves realicen melloras en diferentes equipamentos deportivos. Como explicou o presidente da institución provincial, Luis López, “cos 8 millóns de euros deste plan, o dobre que na pasada edición, continuamos modernizando os equipamentos deportivos do conxunto da provincia como nunca antes se fixera”.
En concreto, o Concello de Forcarei, recibirá 95.050 euros para financiar o 100% das obras de modernización e mellora do Campo de Fútbol Municipal, unha demanda do goberno local da vila, centrándose fundamentalmente na renovación de parte do peche perimetral da parcela, a mellora dos accesos, tanto o rodado como o peonil, e a construción dun aseo público accesible. Por outra banda, A Guarda contará con preto de 140.000 euros para dúas obras: 75.687 € para a mellora das instalacións deportivas de Punta Xenete, que inclúe a instalación dunha nova pista polideportiva e o renovado do acabado da pista de xogos, entre outras actuacións; e 62.235 € para a construción dun novo circuíto de impulso, ao carón do parque de patinaxe Atalaia e a pista multideporte.
Ademais, Meis recibirá 104.617 euros para financiar ao completo as obras de mellora das instalacións deportivas do campo de fútbol José Betanzos Doval “Pepe”, onde se mellorarán os acabados interiores e renovarase o equipamento dos vestiarios existentes, ademais de mover e renovar os asentos do graderío, limpar e repintar zonas da grada e ampliar as escaleiras de acceso. E As Neves contará con 98.503 € para o instalar a cuberta para as dúas pistas de pádel que se van construír na área deportiva da Caíña, na parroquia de Santiago de Tortoreos.
A Xunta de Goberno tamén aprobou 109.947 € para Ponte Caldelas para a construción dunha pista de pádel panorámica cuberta e a adecuación dunha pista de tenis xa existente en Chan da Barcia, un proxecto financiado ao 100% pola Deputación, xa que aos recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas súmanse outros 69.902 € do Plan +Provincia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario