O Rosal consolídase como referente en innovación e sostibilidade ambiental no deporte
• Unha delegación do Concello de Cangas e do Alondras C.F., visitou as instalacións do campo de fútbol da Mata para coñecer a transformación realizada
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Rosal consolídase como un exemplo de innovación sostible tamén no deporte. O Concello, un dos primeiros de España en renovar un campo de fútbol municipal con criterios ecolóxicos, recibiu a visita dunha delegación composta pola alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido; polo concelleiro de Deportes, Eugenio González, e por representantes do Alondras C.F., para coñecer de primeira man a transformación levada a cabo no campo de fútbol da Mata, que foi renovado con céspede artificial e recheo sustentable a base de piña triturada, unha alternativa ecolóxica ao caucho tradicional.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, recibiu á delegación e destacou a importancia deste proxecto pioneiro que permitiu “non só mellorar a práctica deportiva no campo, senón que supuxo un paso fundamental cara á sostibilidade, reducindo o impacto ambiental das instalacións municipais. O Rosal aposta por un futuro verde e este é só un exemplo máis do noso compromiso”. Durante a visita a rexedora quixo destacar a aposta da U.D. Ribera polo deporte base e agradecer o seu traballo e esforzo por levar a práctica deportiva a todos os rapaces e rapazas.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, resaltou os beneficios desta iniciativa para os deportistas e para o medio ambiente. “É un orgullo poder contar cunhas instalacións de última xeración que non só beneficiará aos deportistas locais, senón que tamén reflicte a nosa aposta pola sostibilidade a longo prazo”, afirmou.
A visita permitiu á delegación canguesa afondar no proceso de transformación, compartir experiencias en materia de innovación e sostibilidade aplicadas ás instalacións deportivas municipais e coñecer de preto o proceso de transformación que se está levando a cabo no Rosal. Con este proxecto, o concello non só reforza o seu compromiso co medio ambiente, senón que tamén se consolida como un referente na innovación aplicada en todos os ámbitos municipais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario