A senda peonil de Tabagón-As Eiras transforma O Rosal e marca o camiño para a futura actuación en Santa Ana
• A alcaldesa e o presidente da Deputación de Pontevedra visitaron a EP 3303 para ver os resultados da intervención realizada ao longo de case 4 km
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e concelleiros e concelleiras do Goberno municipal recibiron ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, nunha visita ao Rosal para coñecer de primeira man a transformación levada a cabo entre Tabagón e As Eiras
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Rosal está a redefinir a mobilidade no rural cun modelo innovador e sostible. Con case catro quilómetros de sendas seguras xa transformadas, na zona da ribeira, a senda peonil entre Tabagón e As Eiras converteuse nun referente de mobilidade sostible e de espazo recuperado para as persoas. Agora, o Concello pon o foco na estrada provincial EP 3302, na contorna de Santa Ana, para seguir mellorando a seguridade e conectividade da veciñanza.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e concelleiros e concelleiras do Goberno municipal recibiron ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, nunha visita ao Rosal para coñecer de primeira man a transformación levada a cabo entre Tabagón e As Eiras. Un proxecto de remodelación dos espazos que, como salientou Fernández Callís, “define a mellora da calidade de vida para os nosos veciños e veciñas. Antes todo o mundo víase na obriga de coller o coche ou de camiñar con perigosidade pola estrada para ir ata a igrexa ou ao río e con este novo modelo de espazo público iso cambiou. Agora a xente camiña con seguridade grazas a esta senda peonil que conecta a gran parte da zona da ribeira do Rosal, integrando tamén espazos naturais e patrimoniais”.
Durante o encontro López quixo destacar “a colaboración do Concello e das persoas propietarias dos terreos cedidos para seguir modernizando as estradas provinciais garantindo a seguridade das persoas, porque esta sintonía permitirá que no 2025 intensifiquemos os esforzos con novos proxectos”. A segunda fase do proxecto contou cun orzamento de máis de 800.000 euros financiados ao 80% pola Deputación de Pontevedra e ao 20% polo Concello do Rosal, que captou fondos doutras administracións para financiar a súa parte.
Con case 4 km de percorrido entre as dúas fases do proxecto, a senda peonil de Tabagón ata As Eiras mellorou radicalmente a conexión e seguridade nesta estrada e marca a senda para novos proxectos. A seguinte prioridade é a estrada EP 3302 na contorna de Santa Ana. O obxectivo é revisar e actualizar o proxecto xa realizado en 2018 para mellorar a mobilidade peonil e ciclable “dun tramo de apenas 500 metros pero que é esencial para garantir a seguridade da veciñanza”, como destacou a alcaldesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario