PIRAGÜISMO
FIN DE SEMANA DE ALTA COMPETICIÓN PARA OS TEIXUGOS MANU OCHOA E LUÍS FERNÁNDEZ
Informa (fotos e redacción): Rosa Fernández Carrera
Fin de semana de competición de alto nivel para os deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos Luís Fernández e Manuel Ochoa.
Manuel Ochoa atópase en Australia concentrado coa selección nacional, adestrando na canle de augas bravas de Penrith. Como remate desta concentración, esta fin de semana participaron no Australian Open, puntuable para o ranking mundial. Manu participou nas modalidades de K1 e cross. En K1 nas clasificatorias non deu acadado as finais, rematando vixésimo terceiro dun total de sesenta deportistas. En caiac cross rematou a contra reloxo undécimo, o que o meteu sen problemas nas loitas, superou octavos, cuartos e caeu nas semifinais, rematando a competición sétimo.
Luís, pola súa banda, foi o único representante dos Teixugos na 1ª Copa de España celebrada en Irún. As augas do rio Bidasoa recibiron ao mellor do panorama nacional en slálom. Cada Copa de España consta de dúas competicións, unha sábado e outra domingo, coas súas respectivas clasificatorias e finais. Luís Fernández competiu na modalidade de C1 sénior masculino. O teixugo entrou nas finais ámbolos dous días, rematando tanto sábado como domingo en quinto lugar, as dúas baixadas de finais levaban tempo de medalla pero as penalizacións por toques relegárono ao quinto posto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario