19 de feb. de 2025

A GUARDA

O SEVIC comezará as súas visitas informativas polos comercios da Guarda  

  Co fin de informar e formar aos produtores de residuos para recadar toda a información que permita avaliar a correcta separación dos residuos

 



Infogauda / A Guarda  

 O Concello de A Guarda vén de facer público que a partir do xoves 20 de febreiro, persoal do Servizo de Vixilancia, Inspección e Control (SEVIC) da xestión de residuos da Deputación de Pontevedra, realizará visitas con fin de informar e formar aos produtores de residuos para recadar toda a información que permita avaliar a correcta separación dos residuos.  

 Con estas visitas, este servizo quere axudar os gobernos municipais da provincia; ao sector servizos e aos comercios, a cumprir coas esixencias da Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular (LRSCEC).  

 O SEVIC foi creado pola Deputación de Pontevedra para colaborar cos concellos adheridos para a supervisión dos residuos domésticos e comerciais.  

 Nestas visitas entregaranse guías, darase información e pautas e ofrecerase un contacto telefónico para resolver dúbidas.

 Nestes momentos son 16 os concellos da provincia adheridos ao SEVIC: Baiona, Barro, Bueu, Cangas do Morrazo, A Cañiza, Gondomar, A Guarda, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, As Neves, O Porriño, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda e Tomiño. Ao abeiro deste servizo, os produtores de residuos estarán suxeitos a inspeccións periódicas que serán levadas a cabo polo corpo de funcionarios habilitado pola Deputación, que teñen a consideración de axentes da autoridade. Deste xeito, os feitos constatados por este persoal formalízanse nunha acta e gozan da presunción de certeza a efectos probatorios. Polo de agora xa se realizaron visitas aos concellos de Baiona, Barro, Bueu, Cangas do Morrazo, Meis, Moaña, As Neves, Salceda de Caselas, Silleda e Tomiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario