16 de xan. de 2025

TOMIÑO

Tomiño segue rodeándose de vida, agasallando especies autóctonas como método para previr incendios forestais  

• O Departamento de Medio Ambiente entregará na edición deste ano uns 1.300 exemplares de 9 especies diferentes: castiñeiro, carballo, bidueiro, sobreira, aciñeira, cerdeira, nogueira, érbedo e freixo.  


As persoas veciñas de Tomiño que desexen repoboar as súas parcelas situadas en faixa secundaria, poden apuntarse no programa pasándose polo Departamento de Medio Ambiente do Concello de Tomiño
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño  

 “Rodéate de vida”. É o lema da campaña municipal de repoboación e fomento da biodiversidade nas faixas secundarias de xestión da biomasa, con planta forestal frondosa e autóctona, que organiza cada ano por estas datas o Departamento de Medio Ambiente do Concello de Tomiño.  

 O obxectivo final é o de previr os incendios forestais, sen a necesidade de deixar os terreos ermos, que precisarían dun mantemento constante, creando máis problemas que beneficios. Polo que se plantea nesta franxa, de 50 metros ao redor das vivendas, a substitución das especies como pino, eucalipto e acacia por unha combinación de autóctonas (como o castiñeiro, carballo, bidueiro, sobreira, aciñeira, cerdeira ou nogueira)que non solo frearán a posible propagación nun incendio, se non que favorecerán aspectos como a diversificación de especies, dispoñibilidade de alimento e refuxio para animais silvestres e calidade do solo.   

 O Concello entregará nas próximas semanas, sen coste algún, exemplares de plantas forestais e frondosas autóctonas como as mencionadas, a cambio de ter correctamente xestionadas as parcelas dos arredores dos núcleos de poboación, sen especies prohibidas, como se establece na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.  

 “Esta é a 4ª edición da campaña, na que temos previsto entregar 1300 plantas, que se suman ás máis de 4000 entregadas dende 2022. Xa temos xente agardando, e, cando chegue a planta, comezaremos coas entregas. É importante que os propietarios interesados nolo comuniquen canto antes para unha mellor organización”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, responsable do programa. Ademais resalta o número de beneficiarios da acción preventiva que ascende a máis dun centenar, ata o de agora.  

 Desde xa, as persoas veciñas de Tomiño que desexen repoboar as súas parcelas situadas en faixa secundaria, poden apuntarse no programa pasándose polo Departamento de Medio Ambiente do Concello de Tomiño; enviando unha mensaxe a tecnica.medioambiente@tomino.gal, ou ben, chamando ao teléfono 986 622 001 (extensión 2). A entrega das plantas efectuarase nas próximas semanas, do que se informará puntualmente aos interesados cando se acheguen as datas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario