8 de xan. de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra vai celebrar este venres dúas actividades participativas centradas na cultura mariñeira e relacionadas coas exposicións do Museo de Pontevedra 

 O patrón maior de Bueu ofrecerá unha charla didáctica sobre aparellos de pesca e as redeiras de A Guarda, unha charla e obradoiro de iniciación ao atado de redes de pesca  

 

Redeiras de A Guarda traballando no Proxecto Bolina
Foto: Cedida

Infogauda / Pontevedra

 O Museo de Pontevedra organiza este venres 10 de xaneiro dúas actividades que tratan de achegar o público ás peculiaridades da cultura mariñeira, moi presente na proposta expositiva actual a través das mostras ‘José Benito Otero Baena. Un pintor sen pinceis’ e ‘Infiltracións. Alberto Baraya. Vento’. Será unha charla didáctica sobre aparellos de pesca e unha charla e obradoiro sobre a arte das redeiras e iniciación ao atado de redes de pesca.  

 A charla didáctica “A mensaxe dos aparellos de pesca” celebrarase o venres ás 17:00 horas, con acceso libre. Como colofón á exposición ‘José Benito Otero Baena. Un pintor sen pinceis’, o patrón maior da Confraría de Pescadores de Bueu, José Manuel Rosas Otero, ofrece unha charla para todos os públicos sobre as artes de pesca e a súa evolución a través da cultura mariñeira galega.  Unha hora máis tarde, ás 18:00 horas, a deseñadora de producto Amalia Puga Cividanes e a Asociación de Redeiras do Baixo Miño - Atalaia, de A Guarda, que forman o Proxecto Bolina, explicarán as claves do seu oficio e introducirán as persoas asistentes no proceso de creación de redes de pesca e nas bases do atado aplicado a pezas de decoración. Esta é unha actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos, con inscrición previa a través do correo electrónico reservas.museo@depo.gal  

 A actividade comeza cunha pequena charla de introdución á arte de atar redes de pesca, coa explicación das ferramentas, os tipos de arte de pesca e a súa evolución ata hoxe. Despois, as persoas asistentes aprenderán as bases do atado de redes. Cada participante contará cun kit para confeccionar, paso a paso, un prato inspirado no deseño das bandexas Patela.  

Catálogo da exposición  

 Por outra banda, o Museo vén de publicar o catálogo dunha das dúas mostras citadas: ‘José Benito Otero Baena. Un pintor sen pinceis’. O volume conta con tres textos que analizan a obra e a figura do pintor de Bueu: a cargo de Beatriz de San Ildefonso Rodríguez, comisaria da exposición, Arturo Cidrás e Xaime Toxo. Inclúe ademais unha cronobiografía e o catálogo de pezas exhibidas, que se completa con imaxes doutras obras do artista. O libro, en edición bilingüe galego-castelán, pode adquirirse xa no Edificio Castelao, cun prezo de 15 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario