7 de xan. de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra despide o Nadal e abre o centenario da Coral Polifónica coa ‘Despedida do vilancico’ no Museo de Pontevedra 

  O concerto protagonizado polo Coro García Limeses, o Coro Cantum Novum e a orquestra infantil do CMUS Manuel Quiroga, terá lugar este venres ás 19:30 horas na igrexa de San Bartolomeu


Igrexa de San Bartolomeu
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 O Museo de Pontevedra celebrará este venres 10 de xaneiro ás 19:30 horas o concerto ‘Despedida do vilancico’. Esta cita musical, protagonizada polo Coro Luis García Limeses, a Orquestra Infantil CMUS Manuel Quiroga, o Coro Canticum Novum e a Coral Polifónica de Pontevedra, vén sendo organizado polo Museo desde hai 70 anos. O deste ano servirá de preámbulo da extensa programación que durante o 2025 festexará o centenario da Polifónica.  

 O programa deste venres está organizado en dúas partes. Na primeira participan o Coro Canticum Novum, coa dirección de Fernando Olbés, e o Coro García Limeses, dirixido por Reyes Carballo. Ambas agrupacións interpretarán conxuntamente “Da Ulla ao meu cabo veño”, composta por Melchor López Jiménez, mestre de capela da Catedral de Santiago de Compostela; e “Christmas Melodiese’, de Battista Pradal.  

 Na segunda parte únese aos dous coros a orquestra infantil do Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra Manuel Quiroga, dirixida por Sergio Heredia. As tres formacións interpretarán cinco temas: “O bo Rei don Wecenslao”, tradicional inglés con letra de Xosé Filgueira Valverde; “The Fist Noel”, tamén tradicional inglés; “The Little Town of Bethlehem”, de Levis Reidner, “Rodolfo el reno”, de Harry Brannon; e “Los pastores de Bormujo”, canción popular de Sevilla.  

 Ao final do concerto unirase a Coral Polifónica de Pontevedra, para interpretar coas outras tres formacións “Adeste fideles”, de John Reading; e “Stille Nacht”, de Franz X. Gruber.

Ningún comentario:

Publicar un comentario