O BNG esixe que o Goberno central paralice o novo trazado da A52 e que execute as actuacións pendentes na A55 e a converta nunha vía urbana a medio prazo
• O grupo nacionalista subliña na Deputación que é necesario rescatar e liberar de peaxe a AP9 como solución máis rápida e económica e insta á Xunta a rescatar tamén a autovía AG57 para mellorar a mobilidade
Infogauda / Pontevedra
O grupo provincial do BNG esixiu hoxe ao Goberno central que paralice o novo trazado da A52, que rescate e se libere de peaxe a AP9, que se realicen as actuacións pendentes na A55 e que esta se converta, a medio prazo, nunha vía urbana. As nacionalistas así o apuntaron no Pleno da Deputación onde, cunha emenda á moción do PP, completaron a lista de necesidades para mellorar a mobilidade na área metropolitana de Vigo subliñando que tamén que é preciso potenciar o transporte colectivo e rescatar a autovía AG57 por parte da Xunta.
O Bloque, a través da deputada Manuela Rodríguez, subliñou que o novo trazado proposto para a A52 supón unha grave afección nos concellos de Vigo e Mos e que, ademais de ser un “despilfarro”, non supón solución para a sinistralidade da A55 nin a conexión do territorio. Por este motivo demandou do Goberno de España a transferencia a Galiza da titularidade da AP-9 para a iniciar, con carácter inmediato, negociacións coa concesionaria da autoestrada a fin de, a maior brevidade, liberala de peaxes, “por ser esa a solución máis rápida, inmediata e economicamente máis viable ao problema da sinistralidade nesta vía”.
Rodríguez destacou a necesidade de paralizar a tramitación do proxecto do novo trazado da A-52 Vigo-Porriño xa que as casas afectadas, no momento en que se aprobe, quedarán hipotecadas aínda que non se execute. Pediu ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que inclúa, nun novo estudo de alternativas, “unha solución baseada na liberación das peaxes da AP9 e que inclúa todas aquelas actuacións de mellora de conexións, nomeadamente entre a AP9 e a A52, que permitan lograr unha solución máis sostible e racional das infraestruturas, e que teña en conta a mellor articulación de toda a área metropolitana”.
Por outra banda, o Bloque demandou ao executivo central que, no inmediato, execute todas as actuacións pendentes na A55 para mellorar no posible a súa seguridade e que, a medio prazo, harmonice a vía co ambiente urbano polo que discorre.
Finalmente, a emenda do BNG á moción do PP incluíu tamén a petición aos gobernos da Xunta e do Estado para que planifiquen e promovan alternativas ao uso do vehículo privado en toda a área metropolitana, ampliando, mellorando e fomentando o transporte colectivo en toda as súas modalidades. Así mesmo, demandou ao Goberno da Xunta que inicie de inmediato os trámites para rescatar a autovía AG-57, rematando coa discriminación e penalización que sofre a área metropolitana de Vigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario