O Concello mellora as instalacións deportivas coa renovación das porterías da Mata e do pavillón municipal
• As novas estruturas antienvorco serán máis seguras para as e os xogadores de fútbol e balonmán e terán maior durabilidade
Infogauda / O Rosal
Porterías estables que garantan a seguridade das e dos xogadores e, á vez, das e dos espectadores. Así son as novas estruturas que o Concello do Rosal está a colocar nas instalacións municipais, renovando as instalacións do campo de fútbol da Mata e do pavillón municipal para garantir unha contorna máis segura e axeitada ás necesidades das e dos usuarios.
Cun investimento de 12.000 euros financiados ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, estas novas porterías para a práctica de fútbol e balonmán reafirman o compromiso do Concello coa mellora continua das instalacións deportivas municipais e coa seguridade das e dos deportistas que as usan, poñendo a disposición de todas e todos os veciños espazos adecuados e modernos para a práctica deportiva.
O concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, sinala que “a renovación deste equipamento é fundamental tanto por unha cuestión de seguridade como pola necesidade de garantir que as instalacións estean en perfecto estado de conservación, xa que iso mellora tamén a experiencia de xogo e a contorna de cada competición que se poida disputar”.
Todas as novas porterías contan con tecnoloxía antienvorco, unha característica que ademais de mellorar a seguridade “evitando posibles accidentes, tamén aumenta a durabilidade das instalacións, xa que evita calquera dano ás instalacións que se poida producir polas caídas destes elementos”.
A renovación das porterías forma parte da estratexia máis ampla do Concello para mellorar as infraestruturas deportivas e ofrecer as mellores condicións para a práctica deportiva en todas as categorías, dende o deporte base ata o de competición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario