17 de xan. de 2025

NIGRÁN

Ana Ortiz visita as obras de restauración do Templo Votivo do Mar en Panxón 

• A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo apuntou que os traballos estarán rematados no primeiro semestre de 2025


A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este venres o Templo Votivo do Mar, en Panxón, asistindo tamén o alcalde de Nigrán, Juan González
Foto: X.G.

Infogauda / Nigrán

 A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este venres o Templo Votivo do Mar, en Panxón (Nigrán), para coñecer o avance das obras de restauración iniciadas o ano pasado cun investimento de máis de 430.000 euros por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Durante o percorrido, ao que tamén asistiu o alcalde de Nigrán, Juan González, a representante autonómica puxo en valor o traballo desenvolvido durante os últimos meses e destacou que a obra estará rematada no primeiro semestre de 2025.  

 Ortiz apuntou que os traballos están destinados a resolver os problemas derivados do envellecemento dos materiais e as filtracións de auga. Cómpre lembrar que para isto, a Xunta de Galicia levou a cabo nos últimos anos un intenso labor para diagnosticar os motivos e axentes que causan o deterioro do ben co fin de acadar a mellor proposta para a súa conservación.  

 Para a execución desta actuación, cofinanciada pola Unión Europea a través do programa FEDER Galicia 2021-2027, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten firmado un convenio de colaboración coa Diocese de Tui-Vigo para a posta a disposición dos terreos e infraestruturas necesarias que permitan a execución das obras de conservación e restauración de varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa esta igrexa.  

 O Templo Votivo Internacional do Mar, localizado no concello de Nigrán, foi realizado polo arquitecto Antonio Palacios Ramilo e está protexido polo seu valor cultural ao estar incluído no Catálogo do Patrimonio Cultura de Galicia. Trátase dunha das obras máis destacadas da arquitectura sagrada galega recente, construído na década de 1930.

Ningún comentario:

Publicar un comentario