Xunta Local de Seguridade
Abel Losada e Leticia Santos aplauden a “excelente coordinación” entre a Garda Civil e a Policía Local de Moaña
A taxa de criminalidade do municipio sitúase 11 puntos por debaixo da media española
Acórdase crear unha Mesa Técnica entre a Xefatura Provincial de Tráfico e a Policía Local para delimitar o ámbito para o control do tráfico
O subdelegado propón a Moaña que impulse a aplicación Te Autorizo para reforzar a protección dos/as menores
Infogauda / Moaña
O concello de Moaña é un territorio moi seguro e no que a Garda Civil e a Policía Local traballan en harmonía e cunha “excelente coordinación”. Así o manifestaron tanto o subdelegado do Goberno, Abel Losada, como a alcaldesa, Leticia Santos, durante a Xunta Local de Seguridade celebrada hoxe na Casa do Concello. Na xuntanza participaron representantes da Benemérita, encabezados polo tenente coronel Óscar Grañas; a xefa provincial deTráfico, Paula Yubero; a xefa da Unidade de Prevención da Violencia de Xénero, María José Rodríguez, representantes do Goberno local e o xefe da Policía Local, Manuel García.
A taxa de criminalidade (número de delitos por cada mil habitantes) ao peche do ano 2024 situouse en 28, moi por debaixo do 39 por mil de España e do 30,2 por mil da provincia. Por tipos delictivos, Óscar Grañas destacou que descenderon os robos con forza en vivendas (baixaron de 15 no ano 2023 a 12 no ano 2024), ao igual que os delitos totais contra o patrimonio (de 340 a 323). En cambio houbo 13 furtos máis. Finalmente, o número de persoas detidas ao longo do pasado ano incrementouse de 100 a 105.
Pola súa banda, a Policía Local deu conta da elaboración de 126 atestados e da realización de 27 controis de alcoholemia, principalmente durante as fins de semana, que permitiron detectar 90 positivos en alcohol e outros 38 en drogas. Ademais, 9 persoas foron sorprendidas conducindo sen dispor de puntos ou carecer do carné de conducir.
A Xunta Local de Seguridade aprobou, por unanimidade, a creación dunha mesa técnica entre a Xefatura Provincial de Tráfico e a Policía Local para a delimitación dos ámbitos territoriais dos poboados do municipio, é dicir, as zonas nas que a Policía Local terá seguridade xuriídica para sancionar en materia de tráfico, ademais do propio centro urbano, onde xa ostenta as competencias. Tamén se estudou a posibilidade da instalación de cámaras de control de tráfico nos principais nodos de acceso a Moaña, cuestión na que a Xefatura asesorará para a súa tramitación diante da Dirección Xeral de Tráfico.
Deuse conta do balance do Plan Director para a Convivencia nos Centros Educativos durante o ano pasado en Moaña, cun total de 12 actividades formativas en prevención da delincuencia e, moi especialmente, no que atinxe á ciberseguridade, pero tamén en cuestións como o acoso escolar, seguridade viaria ou protección da natureza. Tomaron parte 631 alumnos/as, 30 profesores/as e 13 nais e pais. Dende a Subdelegación pediuse axuda ao Concello para que as charlas dirixidas específicamente ao colectivo parental se incrementen. A Concellería de Educación tomou nota desta suxestión.
Ao mesmo tempo, dende a Subdelegación explicouse o funcionamento da aplicación “Te Autorizo”, implantada polo Ministerio de Presidencia e Xusticia, que simplifica e axiliza os trámites para contar co certificado de ausencia de antecedentes de delitos sexuais para tódalas empresas, asociacións, clubs, ademais do propio Concello, que contraten persoal para actividades con menores.
Finalmente, ofrecéronse os datos relativos á violencia de xénero en Moaña, onde hai 54 casos activos (ningún en risco extremo, 3 en risco alto, 5 en risco medio, 19 en baixo e 27 en non apreciado). A Garda Civil ocúpase da protección dos casos baixos, medios e altos e a Policía Local dos non apreciados. A colaboración neste eido tamén foi subliñada especialmente por Abel Losada. No municipio, segundo deu conta a xefa da Unidade de Violencia da Subdelegación, hai 28 ordes de protección en vigor. Moaña recibiu o ano pasado 15.064 euros do Pacto de Estado de Violencia de Xénero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario