31 de xan. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés recibe ao Morvedre

• Este sábado na Sangriña, ás 19:00 horas 

• As de Ana Cristina Teixeira Seabra buscarán sumar a súa décimo cuarta vitoria, neste caso fronte a un rival da parte baixa, pero que chega motivado tras conseguir o pase á fase final da Copa de la Reina entre semana 

• Ania Ramos únese a Elena Martínez como baixa de larga duración por unha rotura na man esquerda 




Redacción Deportes / A Guarda 

 O Mecalia Atlético Guardés continúa coa súa dobre cita desta semana. Despois de conseguir o pase á fase final da Copa da Raíña o mércores en Barakaldo, vencendo sen problemas ao Balonmano Zuazo Femenino, as de Ana Cristina Teixeira Seabra reciben este sábado ás 19:00 horas na Sangriña ao Club Balonmano Morvedre. O equipo valenciano chega ao encontro na parte baixa da táboa, pero coa motivación extra de ter o mesmo éxito que o Mecalia Atlético Guardés entre semana, conseguindo unha praza na fase final da competición copeira tras vencer por sorpresa ao Costa del Sol Málaga. Continúa fóra da convocatoria Ania Ramos, que se prevé que se una a Elena Martínez como baixa de longa duración e estea afastada das pistas durante as próximas semanas. 

 O Mecalia Atlético Guardés chega ao partido coa motivación de saber que xogará un ano máis unha fase final da Copa da Raíña. Este mércores, o equipo logrou superar sen problemas a eliminatoria de segunda fase da competición na pista do Zuazo Femenino (17-22), de xeito que entre o 14 e 16 de marzo visitará o Palau d’Esports de Granollers para disputar a derradeira parte da Copa. 

 Pero aínda que o equipo ten moi boas expectativas para o soño copeiro, e a súa vitoria deste mércores labrouse con relativa comodidade, non foi un encontro tan doado como podía esperarse ante o pechacancelas da Liga. A pesares da súa superioridade no marcador durante os 60 minutos que durou o partido, as de Ana Cristina Texeira Seabra non se sentiron completamente cómodas na pista de Barakaldo, e proba diso foi o número de fallos nos lanzamentos á porta vasca, anormalmente alto para o que o equipo nos ten acostumados este ano. Foi un choque esixente para as do Mecalia Atlético Guardés, que souberon aguantar a un Zuazo incansable e moi atento ofensivamente. Por todo isto, o obxectivo deste sábado non só é obter un resultado similar, senón mellorar as sensacións sobre o 40x20 e reforzar a confianza no propio traballo. 

 Ademais, o plantel do Mecalia Atlético Guardés viuse lastrado por unha nova lesión, que se prevé de longa duración. No partido da pasada xornada ligueira en Xixón, a estremo esquerdo Ania Ramos sufriu un forte golpe na man esquerda que se confirmou coma unha rotura de dous metacarpianos para a que precisará intervención cirúrxica. Aínda non se pode falar dun tempo estimado de recuperación, pero o máis seguro é que Ramos estea afastada da competición durante as vindeiras semanas, sumándose a Elena Martínez como baixa habitual. 

 A situación deixa ás filas guardesas con 14 xogadoras en activo, un plantel relativamente curto se se compara cos dos seus rivais. Porén, os últimos resultados demostraron que o club sabe xestionar esta escaseza, e sumados ás dificultades que viña enfrontando para atopar reforzos no mercado, espérase que o equipo non realice novas fichaxes para o que resta da tempada 2024/2025. 

 Pola súa parte, o Balonmano Morvedre chega á contenda na parte baixa da táboa, coma antepenúltimo clasificado con once derrotas e tres vitorias. O equipo de Sagunto é un dos ascendidos dende División de Honra Ouro esta tempada, e aínda que tivo problemas para estabilizarse na primeira categoría, tamén soubo ofrecer algunha que outra sorpresa. 

 A última delas, este mesmo mércores, vencendo coma anfitrión pola mínima ao Costa del Sol Málaga na eliminatoria de segunda fase da Copa da Raíña (24-23), arrebatando así a praza na fase final da competición a un dos equipos máis veteranos da primeira división. Toda unha fazaña que non cabe dúbida de que serviu ás de Manu Etayo como motivación adicional para chegar á Sangriña coas pilas máis que cargadas. A última vez que o Mecalia Atlético Guardés e Morvedre se cruzaron foi en Sagunto, nun partido de segunda xornada que as de Ana Cristina Teixeira Seabra resolveron de xeito moi folgado (25-34), o pasado mes de setembro. Porén, e coma sempre, entre as filas da técnica non hai lugar para o exceso de confianza nin para subestimar a ningún rival, e o feito de que os tres triunfos das valencianas foran a domicilio será un factor que o Mecalia Atlético Guardés terá moi en conta para controlar o choque no Inferno este sábado. 

Ana Cristina Teixeira Seabra: “Para nós, é outro partido importante no que teremos que mellorar” 

 A técnica do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, quixo destacar a vitoria do seu rival o pasado mércores, prevendo que “estará motivado” para este sábado: “Foi unha sorpresa, e seguro que queren sumar un par de puntos”. A adestradora valorou igualmente a última fichaxe do seu rival, a lateral esquerda Lorena Zarco, “un recurso máis para o seu equipo que tamén corre moito”, e que será un dos elementos que as súas terán que controlar mañá. 

 Polo demais, a preparadora afronta este partido coma calquera outro, tal e como veu demostrando cada semana, pero facendo especial fincapé en mellorar as sensacións dos últimos encontros. “Para nós é outro partido importante no que teremos que mellorar en moitos aspectos colectivos e individuais, principalmente na finalización, e gañar confianza no que estamos a facer”, subliñou Seabra. Por último, non cabe dúbida de que, unha semana máis, o Mecalia Atlético Guardés tratará de seguir facéndose grande no Inferno: “Por suposto, temos moitas ganas de gañar dous puntos na casa e de seguir a Liga con boas sensacións”, conclúe. 

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola 

Xornada 15

Mecalia Atlético Guardés – Club Balonmano Morvedre 

Sábado, 1 de febreiro ás 19:00 horas 

Pavillón municipal  da Sangriña 

O encontro será retransmitido pola canle de YouTube do Mecalia Atlético Guardés:

 https://www.youtube.com/live/8205wwg5I0I

Ningún comentario:

Publicar un comentario