8 de xan. de 2025

A GUARDA

Os Socialistas da Guarda convocan unha reunión aberta para escoitar aos negocios locais 

Fátima Rodríguez, portavoz do Grupo Socialista da Guarda, quere convidar a todo o comercio, hostalería e demais negocios da vila a unha reunión que se celebrará o próximo mércores 15 de xaneiro de 2025, no Centro Cultural da Guarda. 


Fátima Rodríguez Marcos, portavoz do Grupo Socialista da Guarda

Grupo municipal do PSdeG-PSOE / A Guarda

 A convocatoria xorde tras a moción presentada polos/as socialistas en novembro de 2024, na que se solicitaba a comparecencia en pleno do Concelleiro de Empresa e Comercio, que pasou todo o ano 2024 fóra de España por motivos laborais. Esta ausencia, que impediu ao concelleiro asistir a un total de 15 plenos, tamén derivou nun manifesto abandono das áreas das que é responsable.   

 A moción foi aprobada, a pesar do voto en contra do Partido Popular, polo que a comparecencia do concelleiro deberá ter lugar no pleno de finais de xaneiro, onde os/as socialistas esperan poder trasladar ao goberno municipal as necesidades, preocupacións e propostas dos negocios locais.    

 Fátima Rodríguez destaca que “o Grupo Socialista considera fundamental que se escoite a voz das empresas e autónomos/as da Guarda, xa que representan unha peza clave no desenvolvemento da nosa vila. Ante a falta de atención do goberno local ás súas necesidades, comprometémonos a ser un enlace activo para trasladar as súas inquedanzas, propostas e preocupacións ao pleno municipal, esixindo medidas concretas que impulsen o futuro económico e social da Guarda.”  

 A reunión terá lugar o mércores 15 de xaneiro de 2025 no Centro Cultural da Guarda, con dous horarios para facilitar a asistencia de diversos tipos de negocio:

1ª convocatoria: 17:30 h

2ª convocatoria: 20:40 h  

 Agradécese que as persoas interesadas en asistir confirmen a súa presenza a través do WhatsApp (684 783 645) ou por correo electrónico (socialistasdaguarda@gmail.com), indicando nome, empresa e a hora á que asistirán.  

 As persoas que non podan asistir terán a oportunidade de compartir as súas inquedanzas e propostas a través dunha enquisa en liña que estará dispoñible ata o día 27 de xaneiro na seguinte ligazón: https://forms.gle/BeZrn1zfWY1AqgP99  

Ningún comentario:

Publicar un comentario