9 de dec. de 2024

TOMIÑO

O alumnado do CEP Pedro Caselles Beltrán entrevista á alcaldesa na radio escolar 

  O programa é parte dun proxecto que será presentado no V Congreso dos ODS a celebrar en Tui 


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, foi a convidada de honra dun dos programas da radio escolar do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, foi a convidada de honra dun dos programas da radio escolar do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán, dentro do Obradoiro “Radio Uncas vai de troula”, que ten a finalidade de achegar ao alumnado de 3º e 4º ás tradicións tomiñesas. O produto final do traballo, un programa de radio e un mural explicativo, serán levados a Tui, ao V Congreso dos ODS.  

 No programa participaron 14 nenos e nenas (baixo a dirección da titora Cristina Novoa) dos cales 4 foron os encargados de realizar a entrevista. O tema da mesma foi a “troula”, como unha das celebracións máis tradicionais da zona. Os pequenos locutores e locutoras quixeron coñecer a opinión da rexedora sobre o tema mencionado e preguntaron tamén que elementos non poden faltar nunha festa dese tipo.  

 A alcaldesa, tras agradecer o convite, explicou que a troula é unha festa moi singular asociada intimamente á música das treboadas e bandas de música, “na que non pode faltar ademais, as ganas de pásalo ben, a ledicia, a boa comida e os amigos e amigas”.  

 Outra das cuestións da conversa foron as lembranzas que ten a alcaldesa do que tamén foi o seu colexio de primaria. Sandra González contoulles que na súa época de alumna do centro, este chamábase Escola do Mosteiro, xa que na zona existía un mosteiro de relixiosas. Lembrou, asemade, que o edificio parecíalle enorme, que había moitos nenos e nenas, e que o lugar que máis desfrutaba daquela era a biblioteca. “Os meus profesores inculcáronme o amor pola lectura e a literatura, cousa que agradezo sempre e vos recomendo facer a vos tamén, xa que ler é como ter unha gran aventura”, sinalou. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario