26 de dec. de 2024

TOMIÑO

Luis López compromete o apoio da Deputación de Pontevedra para a mellora da mobilidade peonil na EP-3303 entre Tabagón (O Rosal) e Goián, en Tomiño, valorada en máis de 710.000 € 

  O presidente provincial vén de manter un encontro institucional coa alcaldesa Sandra González no que acordaron iniciar ao longo do 2025 a tramitación deste proxecto de mellora de seguridade viaria no que colaborarán ambas as administracións


O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, con Sandra González, alcaldesa de Tomiño
Foto: Rafa Estévez


Infogauda / Tomiño 

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de adiantar o compromiso da Deputación coa mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-3303, entre as localidades de Tabagón e Goián, no concello de Tomiño, nun encontro institucional entre o mandatario provincial e a rexedora Sandra González no Pazo provincial. Unha reunión que serviu para abordar asuntos de interese mutuo para ambas as administracións e para explorar novas vías de colaboración.  

 O compromiso do goberno provincial de tramitar no vindeiro ano 2025 o proxecto para a mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil nun treito de case un quilómetro entre estas dúas localidades de Tomiño, é o principal acordo da reunión mantida entre López e González e na que tamén participou a deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo. Un proxecto para o que a Deputación prevé un investimento de máis de 710.000 euros e que se levará a cabo a través dun convenio de colaboración no que a Deputación asumirá o 80 % do custo da actuación. Trátase da terceira fase dun proxecto que xa contara co apoio provincial nas intervencións anteriores.  

 Non é a única vía de colaboración entre a Deputación e o Concello de Tomiño en materia de mellora da mobilidade peonil e seguridade viaria. A través do +Provincia, o executivo provincial puxo en marcha as obras na Avenida Ordóñez por un importe superior aos 108.000 euros; ou, en materia de infraestruturas deportivas, a reforma da cuberta e fachada do pavillón de A Carballa, por un total de 184.600 euros financiados integramente pola Deputación. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario