17 de dec. de 2024

TOMIÑO

O Nadal chega para todos e todas en Tomiño  

  Medio millar de veciños e veciñas maiores do concello, recibirán unha postal de Nadal personalizada creada polo alumnado dos centros de educación primaria e secundaria  


Integrantes do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, ‘Voces Novas’ preparando as postais personalizadas, de Nadal e Aninovo, creadas por nenos e nenas dos centros de educación primaria e secundaria

Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 Un ano máis, O Nadal chega de maneira especial ás persoas maiores de Tomiño. Así máis de medio millar de veciños e veciñas maiores do concello, recibirán unha postal personalizada de Nadal e Aninovo creada por nenos e nenas dos centros de educación primaria e secundaria.   

 A iniciativa, que comezou durante a pandemia da man do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, ‘Voces Novas’, repítese cada ano coa participación dos cinco colexios de primaria máis o IES Antón Alonso Ríos, cuxos estudantes póñense mans á obra antes do Nadal para que ningunha persoa de máis de 88 anos do municipio se quede sen a súa postal feita de forma manual e cun deseño personalizado.  

 Nunha das residencias do municipio, serán os/as propios integrantes do Consello da Infancia, acompañados polos concelleiros de Benestar Social e Mocidade, serán quen se ocupen de levar as postais en persoa. Á outra, situada en Sobrada, serán as nenas e nenos do colexio desa parroquia quen acheguen as cartas ás persoas maiores. Pola súa banda, as persoas maiores de 88 anos ou máis, que non vivan en residencias, recibirán as tarxetas por correo; igual que as que estean dentro do servizo de Axuda no Fogar.  

 A natureza da iniciativa permitiu que en moitos casos se creara un vínculo de amizade entre persoas de moi distintas xeracións. “A grande acollida que tivo esta iniciativa entre a xente moza fixo que o proxecto, que se pensou inicialmente para realizar só nas residencias do concello, se estendera finalmente ao resto de persoas maiores do municipio, chegando así a todos os fogares nos que vivan persoas maiores”, explica Karina Bouzada, dinamizadora de Voces Novas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario