17 de dec. de 2024

O ROSAL

Comunicado do Concello do Rosal ás declaracións da oposición sobre os orzamentos municipais


Casa do Concello do Rosal
Foto: C.O.R.

 O Concello do Rosal quere trasladar á veciñanza unha resposta clara e transparente ante as recentes declaracións da oposición respecto aos orzamentos municipais. Estes orzamentos, aprobados para o exercicio 2025, son unha ferramenta fundamental para garantir o desenvolvemento sostible do municipio, a mellora dos servizos esenciais e a posta en marcha de proxectos que redundan no benestar da veciñanza rosaleira.

O Rosal medra e avanza grazas a unha xestión responsable

 Nos últimos anos, o Concello do Rosal vén desenvolvendo unha xestión orzamentaria eficiente e responsable que permite non só manter o equilibrio financeiro esixido pola Lei de Estabilidade Orzamentaria, senón tamén incrementar a capacidade de investimento e gasto en proxectos e servizos prioritarios.

 O orzamento municipal pasou de 3,1 millóns en 2019 a máis de 6 millóns previstos para o 2025 grazas á capacidade do Concello de xestión e de captación de subvencións doutras administracións para poñer en marcha no Rosal proxectos pioneiros que benefician directamente á veciñanza. Unhas iniciativas de calidade que repercutiron de forma directa na mellora e o avance do Rosal sen custe directo para as arcas municipais.

 Nestes últimos cinco anos, o Goberno municipal conseguiu liderar o maior cambio do Rosal nos últimos 30 anos, unha transformación drástica do concello que permitiu desenvolver máis proxectos e iniciativas pioneiras cunhas contas saneadas. Con este traballo, O Rosal sitúase hoxe na vangarda da sostibilidade ambiental, como modelo de benestar para a veciñanza e como referente cultural, deportivo e de lecer. Trátanse ademais duns orzamentos iniciais, xa que ao longo do vindeiro ano se lle irán sumando as subvencións captadas.

 Así, para a oposición os orzamentos de 2024 xa eran os peores da historia. Non obstante, leváronse a cabo proxectos de gran calado municipal como:

-       A reforma da escola unitaria de Tabagón para adaptala como nova sede do CRA María Zambrano.

-       A reforma da casa da escola unitaria de Fornelos e da escola das Eiras.

-       O cambio co alumeado público con criterios de eficiencia e aforro enerxético.

-       A reforma da cantina de Novás

-       As melloras en saneamento e abastecemento.

-       O incremento do apoio ás asociacións, colaborando en proxectos singulares como foi o concerto de Fillas de Cassandra.

-       A progresiva reforma das instalacións municipais.

-       Aumento do apoio económico ás traídas veciñais de auga.

Principais proxectos e investimentos incluídos nos orzamentos de 2025:

·         Incremento dun 25% no gasto social, cultural e deportivo: Consolidación e ampliación de programas dirixidos a todas as idades e fomento do dinamismo local.

·         Aforro dun 50% no consumo enerxético: Grazas á execución de proxectos de eficiencia enerxética nos últimos anos.

·         Aumento do 9% en benestar social: Máis horas de axuda no fogar, creación da Escola da Saúde e reforzo do programa Xantar na Casa.

·         Reforma de infraestruturas municipais: Como o pavillón municipal e o Campo de Fútbol da Mata, con criterios de accesibilidade e modernización enerxética.

·         Liderar a transición verde, poñendo en marcha a Oficina de Transformación Comunitaria coa creación de comunidades enerxéticas.

·         Impulso á recuperación patrimonial: A tráves do Obradoiro de Emprego que fomenta a formación en albanelería e carpintaría.

·         Mellora de camiños e servizos esenciais nos barrios.

 Estes proxectos, financiados grazas a unha xestión eficaz e á captación de subvencións, son unha mostra clara do compromiso do Concello coa veciñanza, coa modernización do municipio e coa conservación do patrimonio local. Un incremento do orzamento que permite aumentar a capacidade de investimento e de gasto en servizos para un municipio que non para de crecer e que foi o segundo que máis medrou en poboación da provincia de Pontevedra nos últimos tres anos, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística.

 A oposición ten demostrado unha vez a súa incapacidade para traballar e analizar os orzamentos presentados reclamando unha información comparativa que aparece reflectida claramente nos diferentes documentos e informes do orzamento. Acusar de falta de transparencia ao Concello solicitando unha información que lle foi facilitada indica descoñecemento ou falta de seriedade.

O equilibrio orzamentario está garantido

 O Concello do Rosal quere lembrar que os orzamentos municipais cumpren escrupulosamente coa Lei de Estabilidade Orzamentaria e contan cos informes técnicos favorables. Os ingresos previstos para o vindeiro 2025 superan lixeiramente os gastos, garantindo o equilibrio orzamentario esixido pola lei. Ademais, os pequenos incrementos no gasto de persoal responden á aplicación da normativa laboral estatal e ás necesidades derivadas de proxectos extraordinarios como o Obradoiro de Emprego.

Actualización tributaria responsable

 A actualización tributaria é unha medida necesaria e xustificada que permite ao Concello continuar asumindo servizos esenciais, como a axuda no fogar, na que as arcas municipais cobren case o 50% do custo total, a pesar de que a Xunta de Galicia debería facerse cargo do 100% do financiamento. Ademais, permite tamén, entre outros aspectos, acometer investimentos clave como a reforma das escolas unitarias, unha responsabilidade que a administración autonómica leva anos sen atender.

Un futuro ilusionante para O Rosal

 O Concello do Rosal afronta o ano 2025 con ilusión e con proxectos que transforman o municipio e melloran a calidade de vida da veciñanza. A estabilidade orzamentaria e a capacidade de xestión permiten que o Concello continúe avanzando, liderando proxectos innovadores, impulsando a transición verde e consolidando un modelo de benestar social e dinamismo local.

 O compromiso do goberno municipal é traballar para todas e todos, con responsabilidade e transparencia, sen entrar en confrontacións que non achegan nada positivo á veciñanza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario