6 de dec. de 2024

PONTEVEDRA

Acto institucional polo Día da Constitución  

Abel Losada reivindica o “exercicio de consenso” co que se aprobou a Constitución e alerta da regresión cos bulos e o lodo da antipolítica 

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (AFAPO), protagonista da celebración oficial na Subdelegación do Goberno 

“Un país que esquece queda parado e logo retrocede en dirección á nada”, sinalou Losada no discurso institucional 

“Dedicarei as enerxías que me queden a transmitir aos mozos que a Democracia é o aire que respiran, o único aire respirable” 

“Aparecen negros nuboeiros contra os que non hai avisos meteorolóxicos, pero si debe haber avisos políticos”  


O subdelegado, Abel Losada, convidou á Asociación de Familiares de enfermos/as de Alzhéimer (AFAPO) a participar no acto institucional con motivo do 6 de decembro, Día da Constitución

Fotos: S. de G.

Infogauda / Pontevedra 

 “Memoria e Democracia” foi o título baixo o que se celebrou na Subdelegación do Goberno en Pontevedra o acto institucional con motivo do 6 de decembro, Día da Constitución. O subdelegado, Abel Losada, convidou á Asociación de Familiares de enfermos/as de Alzhéimer (AFAPO) a participar como elemento central dun evento que virou ao redor do paralelismo entre a perda de memoria democrática por parte das sociedades e a deterioración cognitiva das persoas por mor da idade.  

 “Aos seus 46 anos, a que foi nova Democracia española peitea cada vez máis canas; foron os mellores anos do noso país; nunca antes progresaramos tanto en tan pouco tempo, pero sería iluso negar que aparecen negros nuboeiros contra os que non hai avisos meteorolóxicos, pero contra os que si debe haber avisos políticos”, advertiu Losada no seu discurso. 

 O subdelegado estivo acompañado polo presidente de AFAPO, José Manuel Fontenla, e un grupo de 10 usuarios/as e traballadores/as de AFAPO que leron varios artigos da Carta Magna relacionados coa atención á discapacidade e os dereitos sociais. Homenaxeouse así, no marco do artigo 49 da Constitución, a unha das organizacións do terceiro sector na mesma semana na que tamén se celebrou o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Os usuarios e traballadores de AFAPO recibiron ao termo da súa intervención un obsequio institucional. 


O subdelegado - que estivo acompañado polo presidente de AFAPO, José Manuel Fontenla, e un grupo de 10 usuarios/as e traballadores/as de AFAPO - fíxolle entrega duns agasallos institucionais

 Durante a súa intervención, o subdelegado do Goberno admitiu que aprobar leis é moito máis fácil que facelas cumprir “e por iso necesitamos que xente como a que fixo posible AFAPO, hai 20 anos, estea aí; necesitamos coidarvos para que coidedes”. Losada declarouse “defensor radical dos servizos públicos, porque só desde o público aténdese ao de todos”. 

 O presidente de AFAPO, José Manuel Fontenla, subliñou pola súa banda que é o asociacionismo das familias o que permitiu que Galicia dispoña da única rede pública española de centros de día especializados en alzhéimer de toda España e ofreceu os coñecementos adquiridos para que esta experiencia poida estenderse a outras comunidades. Reclamou tamén que as enfermidades neurodegenerativas alcancen un carácter prioritario no Sistema Nacional de Saúde a través dun Plan Nacional de Alzhéimer do que xa existe un borrador consensuado co sector dos Servizos Sociais. 

“Aquelarre negacionista no Senado” 

 No seu discurso institucional, Abel Losada, apuntou ao risco de “relaxación”, despois de 46 anos, na defensa os valores dunha Constitución á que definiu como “un titánico exercicio de consenso”. “Neste “libriño” - afirmou -, deberiamos refuxiarnos nestes tempos de bulos, mentiras e lodo da antipolítica, que é a que busca socavar o mismísimo sistema democrático alentando a confrontación, o ruído e o odio”. E lembrou que houbo persoas de todos os partidos “que foron capaces de poñerse de acordo en cousas tan básicas como o que somos e o que queremos ser, mentres hoxe somos incapaces do menor consenso”. Aludiu, neste sentido, ao recente evento celebrado no Senado con negacionistas dos dereitos sociais e ata da teoría darwinista: “un aquelarre que avergoña e avergonza porque alí había xente que nega dereitos e liberdades arduamente conquistados polas mulleres e homes de toda España”. “Ante eles, Constitución, Constitución e máis Constitución”, reclamou. 


O subdelegado do Goberno, nun momento da súa intervención

 O subdelegado do Goberno referiu que do mesmo xeito que as persoas que perden os recordos necesitan axuda, “un país que esquece queda parado e logo retrocede en dirección á nada”. Por tanto, continuou, “propóñome dedicar as enerxías que me queden, como profesor universitario ao bordo da xubilación que son, a transmitir aos mozos que non naceran aquel 6 de decembro de 1978 que a Constitución Española é tan súa como nosa. E que a Democracia é o único aire respirable”. 

 Losada declarouse pertencente á “xeración bisagra”, que é a que naceu durante a ditadura e tivo a oportunidade de votar no referendo constitucional. Lembrou que aquel mesmo día a prensa informaba de que ETA asasinara a dous policías e a un garda municipal en San Sebastián. “Aquela España que vivía a opresión terrorista e na que o paro galopaba sen control é hoxe a España que xa non ten que mirar debaixo do debaixo do coche polas mañás, que aprobou unha Reforma Laboral acertadísima e que se converteu nunha referencia e unha voz autorizada no concerto internacional; unha España de todos e todas”. 

 O acto da Subdelegación do Goberno, ao que acudiron numerosas autoridades da Administración do Estado, Autonómica e Local, contou tamén coa presenza destacada da Banda de Música da Escola Naval, que interpretou varias pezas relacionadas coa memoria e coa participación da escritora Carmen Quinteiro, que leu un relato da súa autoría titulado “21 de setembro”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario