17 de dec. de 2024

DEPORTES

ACTO DE PRESENTACIÓN DAS SELECCIÓNS GALEGAS DE BALONMÁN 

• O 29 de decembro de 2024, no Auditorio Fontán (Cidade da Cultura de Galicia), en Santiago de Compostela




Redacción Deportes / Santiago de Compostela

 O vindeiro 29 de decembro, ás 19:00 horas, no Auditorio Fontán, da Cidade de Cultura, en Santiago de Compostela, vaise celebrar o acto de presentación das Seleccións Galegas de Balonmán, que reunirá aos seis combinados de categoria infantil, cadete e xuvenil, masculinos e femininos; que participarán no CESA (Campionato de España de Seleccións Autonómicas) do 3 ao 8 de xaneiro de 2025 en Cataluña, concretamente nas localidades de Blanes, Calella, Malgrat del Mar e Lloret de Mar. 

 Nesta ocasión, ao acto asistirán entre 800 e 1000 persoas: familias, principais patrocinadores, alcaldes e alcaldesas dos concellos representados, concelleiros/as, directivos/as de clubs, ademais do deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira; a deputada de Deportes da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López. 

 A Federación Galega de Balonmán ten preparado un acto dunha hora e media aproximadamente na que ademais de dar a coñecer dun xeito moi cercano e visual a verdadeira esencia do balonmán galego; os/as asistentes terán tamén a oportunidade de descubrir a nova indumentaria da expedición galega, de presentar a todos/as e cada un/unha dos integrantes das seleccións, de ver o anuncio promocional de cara ao CESA 2025, de escoitar aos/ás protagonistas e ás principais institucións que fan que isto sexa posible; ademais de moitas sorpresas máis... 

 A Federación Galega de Balonmán ven celebrando este acto dende o ano 2019, tratando de poñer en valor e agradecer o traballo realizado por todos os estamentos do balonmán galego e por todas esas persoas e entidades que colaboran para que as seleccións galegas gocen das mellores condicións durante a súa preparación e no propio campionato. Baixo a creación da marca propia “Con Selo Galego”, a federación intenta promocionar a fábrica de talento balonmanístico que existe na nosa comunidade. 

 Todas as institucións terán a oportunidade de sacar unha foto cos/as deportistas do seu concello, provincia, club, ou patrocinio; e o equipo de comunicación da Federación Galega de Balonmán encargarase de facelas chegar unha vez rematado o acto. 

 En principio, co afán de facer un acto dinámico, haberá discursos institucionais por parte da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, da Deputación de Pontevedra e da Federación Galega de Balonmán; iso si, haberá preguntas ao público asistente, e trataremos de que quede constancia da asistencia de todas e cada unha das institucións. 

 Será un acto breve pero intenso e cheo de contido e sentimento; tras as etiquetas de anos anteriores: #AbancadaEnPé, #ConSeloGalego, #SomosFamilia, #ANosaLuz... 

 Este ano o lema que acompañará aos nosos combinados será: #ANosaEsencia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario