1 de dec. de 2024

DEPORTES

Sara Tui, Lara Feijóo, Rodrigo Conde e Matías Otero, Premios Deporte Tudense 2024 

 No Teatro Municipal celebrouse a Gala do Deporte cun recoñecemento aos éxitos deportivos deste ano  


O alcalde de Tui coas persoas galardoadas cos  Premios Deporte Tudense 2024 
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 “A liña da vida do deporte tudense” foi o lema baixo o que se celebrou a festa deportiva que recoñece e revive todas as xestas dos deportistas de Tui en multitude de disciplinas nas que a cidade é referencia galega, nacional e internacional.  

 Ao longo da noite fíxose fincapé na importancia do deporte ao longo da vida dunha persoa, non só a nivel competitivo, senón tamén coma saúde, educación en valores, traballo en equipo,…  

 Edición tras edición, a listaxe de grandes deportistas que compiten levando o nome de Tui máis aló das nosas fronteiras non deixa de medrar. Como exemplo os e as 51 deportistas internacionais que onte foron recoñecidos pola súa participación en Campionatos do Mundo e de Europa.  

 Nesta décimo primeira gala, foron premiados en categoría absoluta Sara “Tui” González Rodríguez, como mellor xogadora na Copa do Mundo de Fútbol Praia, campioa coa Selección Española da Continental Cup e a Neom Beach Soccer CUP, subcampioa da Copa do Mundo e terceiro posto na Euro Beach Soccer Legue; Lara Feijóo, medalla de bronce en K1 e K2 200m no Campionato do Mundo Universitario, amais de polos resultados acadados no Campionato do Mundo Sub23 cun sétimo posto en K4 500m e noveno en K1 2000m; Rodrigo Conde, Diploma Olímpico en París 2024 cun quinto posto en dobre scull, subcampión do Mundo de Remo de Mar en catro scull e subcampión de Europa en Dobre Scull, e Matías Valentín Otero Ezcurra, sexto na final B en K1 1000 m nos Xogos Olímpicos de París e campión dos Xogos Panamericanos.  

 O Premio Deporte Tudense Adestrador recaeu en Esteban Alonso Núñez, pola súa participación nos Xogos Olímpicos de París 2024 coma adestrador do equipo olímpico de piragüismo de Uruguai. O Premio Deporte Tudense Deporte Adaptado foi para David González Mella, Campión do Mundo e Campión de Europa en paracanoe VL2 200m.  

 Begoña Gómez Estévez foi a galardoada coma Deportista Veterana Feminina en recoñecemento a súa constancia e perseverancia no mundo do ciclismo, participando e destacando coma deportista amateur en innumerables probas deportivas de mediofondo tanto en España coma en Portugal.  

 Dobre galardón na categoría masculina veterano para Manuel Villaverde Gómez, triple campión do Mundo de Remo Máster e dúas veces subcampión en distintas modalidades; e para Manuel Bugallo Fernández, polas cinco medallas de ouro e unha de prata no Campionato de Europa de Policías e Bombeiros. Proclamouse amais campión de España XCO Máster.  

 No apartado de promesas, foron premiadas tres deportistas na categoría feminina. Lara Martínez Pérez, campioa de España de piragüismo por seleccións autonómicas, cunha medalla de ouro no K4 500m; Karla Henriques Da Silva, medalla de bronce no Campionato de España de Maratón de piragüismo en K2 mixto; e Zaila Gándara Pimentel, medalla de prata no Campionato de España por seleccións autonómicas de fútbol.  

 Na categoría masculina, os premios deportistas promesa foron para Manuel López Aguilar, quinto no Campionato do Mundo de Sprint de Piragüismo e noveno no Campionato de Europa de Sprint de Piragüismo Júnior e Sub23 en K2 500m; e Saúl Vaz Dacosta, campión da Supercopa FGA e subcampión da Copa de Campións de Castela e León. Con tan só 15 anos participou no Campionato de España de Karting na categoría senior.  

 A entidade deportiva que recibiu o galardón foi o Club de Patinaxe Artística Ribex Tui, pola súa participación no Campionato do Mundo de Patinaxe en Grupos Show Grandes acadando un histórico sexto posto. Amais lograron o bronce no Campionato de España.  

 O Club Deportivo Tui Futsal, recibiu o premio pola promoción do deporte de base, e en especial do deporte feminino. Conta na actualidade con once equipos dos que tres son femininos e dous mixtos.  

 Na mención especial a outras entidades recibiron o premio os centros educativos de Tui pola organización da Aloiada, pola promoción do deporte entre o alumnado tudense, fomentando a convivencia entre os distintos centros en entornos naturais do Monte Aloia, O Galiñeiro e o río Miño, nunha actividade xa consolidada.  

 O Recoñecemento Honorífico foi para Jose Font Moldes polo seu apoio ao deporte local. Durante máis 30 anos visibilizou, dende a Radio Municipal,  o traballo e os éxitos dos e das deportistas, e dos clubs tudenses.  

 A firma comercial que recolleu o premio neste 2024 foi White Clover, polo seu constante apoio ao deporte e aos deportistas tudenses, e á práctica deportiva en distintas disciplinas.  

 O alcalde, Enrique Cabaleiro, no seu discurso, incidiu na importancia dos valores ao longo desa liña da vida do deporte. “Todos os e as deportistas que estamos recoñecendo hoxe aquí poñen de manifesto o sacrificio, a entrega, o esforzo, a solidariedade e a igualdade”, explicaba. “Precisamente esa igualdade entre homes e mulleres, neste caso no mundo dos deportes, é o que máis está cambiando o mundo, afortunadamente, e hoxe o estamos comprobando”. Salientou amais a internacionalización que permite o deporte, “chegando a moitísimos lugares do mundo e aquí, en Tui, coa cooperación transfronteiriza no centro”. Concluíu a súa intervención facendo un chamamento “dun compromiso público para mellorar os recursos para deportistas e clubs”.  

 Na mesma liña reflexionou no seu discurso o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, profundando no peso do deporte ao longo da vida “non só no ámbito competitivo, senón tamén como un símbolo de saúde, benestar, integración, superación e esforzo”. Centrouse en Tui, como un lugar, explicaba “onde temos máis de trinta modalidades deportivas practicadas, desde deportes individuais ata de equipo. Apoiar o noso deporte é unha prioridade e tamén un desafío”. Nese senso avanzou o concelleiro algúns dos obxectivos do Concello para o próximo ano, entre os que está “promover o deporte como un estilo de vida saudable e accesible para todas e todos, fomentando valores como o traballo en equipo, a perseveranza e o espírito de superación”.  

 O xurado desta XI Gala do Deporte Tudense estivo formado por José Manuel Quintana, Rosendo Bugarín, Enrique Míguez, Ana Rodríguez, Beatriz González, Jose Font e Rafael Estévez.  

 A gala contou coa actuación musical da banda Mister Cool Organ Trío.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario