16 de dec. de 2024

A GUARDA

Orpagu triplica o seu persoal e reforza a súa distribución en 2024 coa sustentabilidade  e a  innovación como bandeira  

A planta frigorífica de Tui é clave, e aínda o será máis nun futuro, para regular a oferta e a demanda mediante o almacenamento, permitindo a Orpagu erixirse como referente no palangre de superficie  

Co obxectivo de achegar os seus produtos aínda máis aos consumidores, este 2024 Orpagu incorporou os seus dúas primeiras furgonetas de repartición para mellorar a distribución en Baixo Miño, Vigo e arredores  

 

Persoal da planta frigorífica de Orpagu coas dúas furgonetas


Mar Bermúdez / A Guarda

 A Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) está a piques de pechar un ano decisivo,  cheo de logros e grandes avances. Este 2024 a organización triplicou o seu persoal, -de 8 traballadores a 24-  demostrando un claro compromiso coa xeración de emprego e o fortalecemento da súa estrutura para seguir liderando o sector pesqueiro. Un persoal que chega ás 50 persoas en momentos puntuais de moito traballo. 

 Un dos puntos máis destacados foi a consolidación da súa planta frigorífica situada no polígono empresarial de Tui, que non só é unha das máis modernas do noroeste peninsular, senón que tamén é unha das máis activas xa que no que vai de ano xestionou máis de 14.000 toneladas de peixe.  

 A planta é clave, e aínda o será máis nun futuro,  para regular a oferta e a demanda mediante o almacenamento, permitindo a Orpagu erixirse como referente no palangre de superficie. "Queremos seguir aumentando a rendibilidade dos nosos produtores asociados, ofrecéndolles servizos centralizados e traballando para dar valor ás súas capturas. Traballamos para mellorar  os prezos de primeira venda e apostamos pola promoción constante dos seus intereses", destaca Juana Parada, directora xerente. 

 Pero o compromiso de Orpagu vai moito máis alá: a sustentabilidade é o eixo principal de todas as súas operacións. Desde a captura responsable que practica a súa frota ata as prácticas ecoeficientes da súa planta frigorífica, todo está deseñado para protexer o medio ambiente. Ademais, a organización apostou pola innovación na súa oferta, lanzando ao mercado produtos que responden as demandas dos novos consumidores: máis sostibles e adaptados ás tendencias actuais. 

Fortalecemento da distribución local 

 Co obxectivo de achegar os seus produtos aínda máis aos consumidores, este 2024 Orpagu incorporou os seus dúas primeiras furgonetas de repartición para mellorar a distribución en Baixo Miño, Vigo e arredores. Este paso permítelles pechar o ciclo da súa cadea de valor: desde o mar ata a porta do cliente. "Con estas furgonetas, non só garantimos entregas máis rápidas e eficientes, senón que tamén reafirmamos o noso compromiso coa calidade e a proximidade", afirman desde a organización. 

 Pero Orpagu non só aposta pola sustentabilidade e a innovación, senón tamén polo compromiso social. A organización fomenta valores como a educación e a conexión coas novas xeracións a través de iniciativas como concursos literarios e celebracións que xa son unha tradición, como a Festa do Peixe Espada. Este evento inclúe actividades de divulgación especialmente deseñadas para os máis pequenos, promovendo o coñecemento do sector pesqueiro e o respecto polo medio mariño desde idades temperás. 

 Ademais do seu destacado labor no sector pesqueiro, a organización guardesa  tamén demostra o seu compromiso co deporte local mediante o patrocinio de equipos en diversas disciplinas como balonmán, remo, baloncesto, fútbol e ciclismo. Este apoio non só fomenta o desenvolvemento deportivo da comunidade, senón que tamén reforza os valores de traballo en equipo, esforzo e superación persoal, principios que Orpagu comparte e impulsa como parte da súa filosofía corporativa. 

O futuro de Orpagu 

 O camiño de Orpagu combina tradición, sustentabilidade e modernidade, e o 2024 non é máis que o inicio dunha nova etapa de crecemento. A organización prepárase para seguir marcando a diferenza no sector, xerando valor para os seus produtores e levando os mellores sabores do mar aos seus clientes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario