15 de nov. de 2024

VIGO

O comité de empresa de Vitrasa informa á cidadanía

Comité de empresa de Vitrasa

 Desde o comité de empresa de Vitrasa queremos informar dunha solicitude de mediación realizada pola empresa para tratar o conflito do convenio colectivo caducado en 2020 e que mantén os nosos salarios conxelados desde ese ano, cunhas perdas de poder adquisitivo para o persoal superiores ao 14%. 

 Vitrasa recuperou viaxeiros/os nos últimos meses até alcanzar niveis pre-pandemia e recibiu un reequilibrio de máis de 18 millóns de euros por parte do Concello de Vigo, precisamente as dúas premisas esixidas pola empresa na anterior mediación para chegar a acordos. Ademais, a empresa ten menos gastos como consecuencia do recorte de servizos realizado (250 expedicións diarias menos). Por iso entendemos que a dirección está en disposición de facer unha proposta que permita poñer ao día os nosos salarios. En caso contrario, levaremos as nosas reivindicacións de novo á rúa en forma de paros parciais os días 20, 22, 25 e 27 de novembro e 2, 3, 11, 12, 20 e 21 de decembro en horario de 13:00 a 15:00 horas. Se non se alcanzan acordos que permitan finalizar este longo conflito proporemos intensificar as mobilizacións.  

 Dende o comité de empresa presentarémonos a esta convocatoria de mediación como a fixemos en anteriores ocasións: con espírito negociador e ganas de chegar a acordos. Está en mans de Vitrasa que estes acordos se materialicen na firma dun novo convenio e agardamos que a solicitude de mediación non se trate dunha nova artimaña da empresa para poder xustificarse ante as convocatorias de paros. 

 Noutra orde de cousas, onte enviamos unha nova solicitude de reunión ao alcalde de Vigo para tratar os detalles do reequilibrio e o plan de tráfico para o Nadal. Tristemente non se contou connosco para elaborar os percorridos do servizo de autobús urbano e imos vernos de novo compartindo a calzada cos viandantes que se acheguen á cidade para ver as luces do Nadal. Isto supón un gran risco e queremos buscarlle unha solución. 

 Esperamos que nesta ocasión se atenda a nosa solicitude antes de que ocorra unha desgraza que teñamos que lamentar. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario