27 de nov. de 2024

TUI

A mocidade de Tui alzou a voz polos dereitos da infancia no pleno infantil   

 O Concello traballa para converterse en Cidade Amiga da Infancia 


O alcalde e membros da Corporación Municipal de Tui, co alumnado participante no pleno infantil e xuvenil celebrado no día de hoxe
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 Alumnado de centros educativos de Tui protagonizou hoxe o pleno infantil e xuvenil no Concello, con motivo da conmemoración, o pasado 20 de novembro, do Día Mundial dos Dereitos da Infancia.  

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, abriu a sesión lembrando a celebración deste Día, e da convocatoria desta sesión infantil respondendo á recomendación de Nacións Unidas de “participación dos nenos e nenas nas institucións públicas, de cara a que as poidades coñecer, porque son as institucións públicas as que levan a cabo medidas que vos van afectar de forma moi directa e polo importante que é xa dende moi pequenos que vos vaiades familiarizando coas mesmas” dicía.  

 Engadía o rexedor tudense que “os nenos e nenas sodes xa o presente, e hai xa notables candidatos e candidatas para desempeñar responsabilidades públicas neste Concello”.  

 Representantes do alumnado dos IES San Paio, Indalecio Pérez Tizón, dos CEIP’s nº 1, nº 2, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, e Randufe, e do colexio Maristas Santa María, reflexionaron sobre as necesidades que observan na cidade para convertela en máis segura e accesible; e suxeriron melloras en diversas instalacións de lecer.  

 Amais amosaron a súa colaboración para, xunto ao Concello, mellorar a comunicación entre os e as políticas e a veciñanza.  

 Interveu amais a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, amosando a súa disposición para escoitar as propostas e suxestións da poboación máis nova, lembrando que “dende o Concello se está a traballar para converter a Tui en Cidade Amiga da Infancia”.  

 Interviñeron os representantes dos grupos políticos presentes, aplaudindo as ideas do alumnado e destacando a importancia de darlles voz. Tomaron a palabra José Manuel Palacín, de Converxencia 21; Ánxela Estévez, do Bloque Nacionalista Galego; e Pilar Gregores, dende o Partido Popular.

Ningún comentario:

Publicar un comentario