30 de nov. de 2024

TOMIÑO

O pazo do Mosteiro de Lira acollerá a estrea de “G Face na casa”, coa proxección dun documental inédito 

  G Face é Gabriel Fandiño, un mozo tomiñés con inquedanzas musicais desde á infancia, prepara a súa xira coa que percorrerá Galicia en 2025 




 Infogauda / Tomiño

 Este sábado, 30 de novembro, a partir das 19.00 horas, o Pazo do Mosteiro de Lira (preto do centro de Tomiño), acollerá un espectáculo musical moi singular. Trátase de “G Face na casa” o proxecto máis persoal de Gabriel Fandiño, un mozo tomiñés de 23 anos, cuxo tema “Vaivén” foi elixido como canción do verán pola CRTVG, o pasado mes de xuño.  

 Das máis de 30 cancións que forman o repertorio do xoven músico, seleccionáronse cinco temas en galego para realizar un documental, que poderá verse 24 horas antes do lanzamento. 

 “G Face na casa” descubre diversas facetas de Gabriel Fandiño, un mozo tomiñés con inquedanzas musicais dende a súa infancia, e tamén poderemos descubrir a súa faceta como compositor, actor, ou o seu amor a México e os preparativos da súa próxima xira coa que pretende percorrer Galicia en 2025.  

O documental  

 As cinco novas cancións incluídas no documental forman tamén un EP co mesmo título e ao que o artista cataloga como un “documusical”. Non é a primeira experiencia de G Face coa súa lingua natal xa que compuxo para outros artistas cancións en galego, e a súa bachata “Vaivén”.  

 A cinta estará dispoñible o día seguinte do lanzamento en todas as plataformas dixitais, distribuída en 9 capítulos que entre os vídeoclips das novas cancións e a parte documental, suman un total de 53 minutos.  

 Toda a parte visual de “G face na casa” foi rodada no Pazo do Mosteiro de Lira que serviu ao longo do tres últimos meses como estudo, un lugar que é unha auténtica xoia descoñecida no centro de Tomiño e que o sábado, día 30 de novembro, abrirá as súas portas para unha ocasión especial, a proxección en exclusiva vinte e catro horas antes da estrea do documental, sen dúbida, un evento que atraerá a moitos rostros coñecidos que seguro estarán a arroupar ao músico.   

 A actriz e presentadora Trisha Fernández, os influentes Miguel Mandayo, Nerea Rodríguez e tamén Lito, da orquestra Panorama, son algúns nomes dos moitos que participan neste documental. Todas as persoas que queiran asistir poderán achegarse a partir das 19.00 horas, que será a apertura de portas, con carácter gratuíto até completar a cabida, e que contará coa presenza do artista e coñecido mestre de cerimonias baionés, Rafa Durán, tamén humorista e actor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario