15 de nov. de 2024

SALVATERRA DE MIÑO

O movemento Vilas en Flor Galicia 2024 recoñece con 4 Flores de Honra a xestión sostible de Allariz, Carballo, Chantada, Salceda de Caselas e Tomiño


Foto de familia, das persoas representantes dos concellos galardoados na gala do movemento Vilas en Flor Galicia 2024
Foto: Fundación Juana de Vega

Redacción / Salvaterra de Miño

 O Concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra) foi este ano o anfitrión da gala do movemento Vilas en Flor Galicia 2024. Durante o evento fíxose entrega das Flores de Honra aos 42 concellos de menos de 40.000 habitantes participantes nesta 7ª edición do programa na nosa comunidade.  

 Unha das principais novidades é que este ano haberá un total de cinco concellos con 4 Flores de Honra xa que a Allariz, Chantada e Tomiño súmanse Salceda de Caselas e Carballo. En total, Galicia recibiu 94 Flores de Honra.

FLORES DE HONRA 2024 

4 Flores de Honra (5 concellos): Allariz, Carballo, Chantada, Salceda de Caselas e Tomiño.  

3 Flores de Honra (10 concellos): As Somozas, Caldas de Reis, Cambados, Gondomar, Lalín, A Laracha, O Rosal, Salvaterra de Miño, San Sadurniño, Vilagarcía de Arousa.  

2 Flores de Honra (17 concellos): A Guarda, Abegondo, Arteixo, Coristanco, Cuntis, Leiro, Manzaneda, Marín, Mondariz Balneario, O Carballiño, Oza-Cesuras, Ponteareas, Sada, Sanxenxo, Sarria, Tui, Vimianzo.  

1 Flor de Honra (10 concellos): A Estrada, A Pobra de Trives, As Neves, Culleredo, Curtis, Mondariz, Mos, Ponteceso, San Xoán de Río, Xinzo de Limia.

 “Cada ano vanse sumando máis participantes a este movemento que permite compartir experiencias, xerar sinerxías e avogar por unha mellor xestión do territorio. Neste 2024 foron galardoados dous municipios máis con 4 Flores, o que supón aproximadamente un 12% dos presentados. Esperamos que o ano que vén poidamos chegar aos 50 participantes e se sigan conseguindo máis galardóns”, valoraba Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, unha da entidades promotoras do Vilas en Flor Galicia. De feito, recordou Calaza, a maior parte dos 315 concellos galegos poderían participar no programa xa que só as sete grandes cidades superan os 40 000 habitantes.  

 Ademais do diploma acreditativo, todos os municipios instalarán un sinal de estrada na entrada dos núcleos urbanos para remarcar a súa pertenza ao programa e o seu esforzo pola xestión sostible dos espazos verdes como eixo fundamental das políticas municipais para facer dos concellos bos lugares para vivir e visitar.  

Gala 

 A gala de hoxe de tivo lugar na Casa do Concello de Salvaterra contando coa presenza da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto; da alcaldesa da localidade, Marta Valcárcel Gómez; e dos representantes das tres entidades promotoras: Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega; Víctor Pérez Vilar, presidente de Agaexar e Fernando Otero Vilariño, vicepresidente de Asvisnor.  

 Ademais de Pedro Calaza Martínez, director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, acompañaron aos representantes municipais os membros do xurado que avaliaron os programas e actuacións ambientais dos municipiois.  

 Os patrocinadores desta edición son a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, e as empresas ambientais Husqvarna, Rain Bird e Makita.  

Que é Vilas en Flor? 

 Vilas en Flor é un programa anual que recoñece en forma de galardóns, chamados Flores de Honra, a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos de menos de 40.000 habitantes na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. En Galicia está impulsado pola Fundación Juana de Vega, en colaboración coa Asociación de Viveristas do Noroeste (ASVINOR) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR). En España as outras entidades nas que está implantado o movemento son Aragón, Canarias, Cataluña e Valencia e, a nivel internacional, en Francia (Villes et Villages Fleuris), Italia (Comuni Fioriti), Reino Unido (Britain in Bloom), Irlanda (Tidy Towns) ou Canadá (Communities in Bloom).

Ningún comentario:

Publicar un comentario