O Rosal aposta por unha rede de abastecemento de auga máis eficiente
• O Concello investiu máis de 48.000 euros na mellora da rede existente no Camiño do Urgal, na zona do Barrio Novo e nun tramo da rúa Julio Sesto
Infogauda / O Rosal
Para o Concello do Rosal cada gota conta. Comprometido coa sostibilidade no consumo da auga, o Goberno municipal levou a cabo as obras de renovación e mellora da rede de abastecemento existente o Camiño do Urgal, na zona do Barrio Novo, e nun tramo da rúa Julio Sesto, un proxecto que buscaba reducir as perdas no subministro e garantir un servizo de calidade para a veciñanza. Un investimento de máis de 48.000 euros cofinanciados ao 88% a través dunha subvención de Augas de Galicia, pertencente á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, e ao 12% con fondos propios do Concello.
Como destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, esta obra “é un paso máis no noso compromiso coa eficiencia hídrica e co coidado dun recurso tan valioso como a auga. Coas obras realizadas, avanzamos na loita contra as fugas e melloramos substancialmente o rendemento dunha rede que levaba anos precisando estas actuación”.
As obras, que se enmarcan dentro do plan de actuacións derivado da auditoría realizada sobre a realidade da rede de abastecemento municipal, incluíron a renovación completa coa instalación de 702 metros de nova tubaxe que substitúe a antiga rede deteriorada nun tramos do Camiño do Urgal, na zona do Barrio Novo e da rúa Julio Sesto. A intervención tamén supuxo a construción de pozos de rexistro e a instalación de válvulas de corte para optimizar o control do subministro, así como as acometidas domiciliarias de 17 vivendas, entre outras actuacións.
“Estes traballos non só eliminan puntos críticos de fugas, senón que tamén nos permite garantir un mellor servizo para as familias que viven nestas zonas, consolidando o noso compromiso cunha xestión eficiente e responsable dos recursos municipais”, engadiu o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández.
Ningún comentario:
Publicar un comentario