14 de nov. de 2024

O ROSAL

O Concello organiza unha charla para aprender a darlle vida aos residuos orgánicos  

Será un taller teórico e práctico aberto a todas as persoas que queiran compostar o xoves 21 de novembro de 17.30 a 19.30 h   




Infogauda / O Rosal 

 Darlle unha nova vida aos residuos orgánicos, convertendo á veciñanza en axente de cambio dende o fogar. Ese é o obxectivo do Concello do Rosal, que fai unha aposta estratéxica pola sostibilidade cunha xestión do lixo coa compostaxe como protagonista que quere estender a toda a veciñanza rosaleira. Para iniciarnos nas tarefas de compostar, o Concello pon en marcha ‘Dálle uso ao composteiro!’, unha charla téorica e práctica, deseñada para que ensinar a todas as persoas interesadas a facer un compost de calidade e reducir así ademais a súa produción de residuos.    

 Esta sesión formativa terá lugar o vindeiro xoves 21 de novembro de 17.30 a 19.30 horas e comezará cunha demostración in situ no composteiro municipal situado na rúa Manuel Suárez Marquier. A actividade continuará no Centro Social Polivalente cunha charla na que afondar na parte teórica e nos detalles do proceso e resolver todas as dúbidas que poidan xurdir. 

 A concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez, salienta o impacto positivo que a compostexe ten para o municipio, xa que “cada quilo de residuos orgánicos que compostamos é un paso máis cara a un concello máis limpo e sustentable. Por iso queremos ofrecerlles ás nosas veciñas e veciños todas as ferramentas necesarias para que poidan xestionar os residuos domésticos de forma ecolóxica e eficiente”. 

 A concelleira anima a todas as persoas interesadas en participar e, en caso de non dispoñer de composteiro para uso doméstico, solicitalo chamando ao teléfono do Concello 986 625 000.

Ningún comentario:

Publicar un comentario