15 de nov. de 2024

O ROSAL

O Rosal florece en sostibilidade con tres Flores de Honra no certame ‘Vilas en Flor’   

 O recoñecemento destaca o modelo de transformación ecolóxica do Concello, piar fundamental da mellora da calidade de vida da veciñanza   


 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, recolleu este recoñecemento nunha gala celebrada este venres
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 Día histórico para O Rosal. O xurado do programa ‘Vilas en Flor’ outorgou ao Concello tres Flores de Honra, un recoñecemento ao seu traballo continuado de mellora do espazo verde urbano e ao seu modelo de transformación ecolóxica, piar fundamental da mellora da calidade de vida da veciñanza. Un compromiso coa sostibilidade ambiental en todos os eidos e cos rosaleiros e rosaleiras que permite ao Concello sumar unha distinción máis á obtida o ano pasado polo municipio na súa estrea neste certame internacional.   

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, recolleu este recoñecemento nunha gala celebrada este venres en Salvaterra de Miño, onde lembrou que esta distinción “é un estímulo para seguir impulsando proxectos innovadores que conecten á veciñanza coa súa contorna natural. Queremos que O Rosal sexa un exemplo de convivencia entre desenvolvemento urbano, económico, cultural e social e o respecto polo medio ambiente”. 

 Organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), o ‘Vilas en Flor’ distingue una vez máis o impulso do Goberno local a proxectos e accións que consolidan a transformación verde e sostible da vila, florecendo con proxectos que conectan en moitas ocasións pasado, presente e futuro baixo un mesmo obxectivo: coidar o medio, mellorar a calidade de vida e converterse en referente de sostibilidade para outras vilas.  

 Xunto ás actividades de educación ambiental e concienciación cidadá realizadas arredor do patrimonio natural e cultural rosaleiro, o xurado valorou iniciativas pioneiras como a renovación do campo municipal de fútbol da Mata, o primeiro campo de herba artificial de Galicia con recheo ecolóxico realizado con piñas trituradas. Unha aposta estratéxica pola sustentabilidade que se traslada tamén á potenciación dos espazos verdes sostibles, a un modelo de xestión do lixo centrado na compostaxe ou a todos os proxectos de mellora da mobilidade peonil en espazos públicos postos en marcha.  

 Tamén destacou a aposta clara pola transformación ecolóxica que está a levar a cabo o Concello do Rosal, cunha defensa firme da eficiencia enerxética coa renovación do alumeado público, a posta en marcha da Oficina de Transformación Comunitaria ou a reforma integral da Escola Unitaria de Tabagón, unha importante remodelación en termos de eficiencia enerxética e sostibilidade que permitirá un aforro do 93% na demanda de calefacción, un 75% no consumo de enerxía primaria non renovable e un 71% nas emisións de CO2.

Ningún comentario:

Publicar un comentario