28 de nov. de 2024

EMPREGO

O Rosal e Tomiño buscan docente de albanelería para recuperar o seu patrimonio   

 Os concellos fan un chamamento urxente para atopar unha persoa encargada desta formación no Obradoiro de Emprego Roteiros etnográficos que comezará en decembro  

 As persoas interesadas deberán poñerse en contacto á maior brevidade coa AEDL de calquera dos dous concellos  

 


Infogauda / O Rosal e Tomiño  

 Os  concellos do Rosal e Tomiño fan un chamamento urxente para incorporar a unha persoa docente de albanelería ao Obradoiro de Emprego Roteiros Etnográficos ‘O noso patrimonio’. Este programa, que busca formar a 20 persoas desempregadas en traballos relacionados coa recuperación patrimonial a través da carpintaría e a albanelería, está pendente de cubrir este posto clave para comezar a formación o vindeiro mes de decembro.  

 O posto de docente require unha experiencia profesional mínima de catro anos como oficial albanel ou dous anos no caso de contar cunha titulación profesional relacionada con esta ocupación. O horario será de luns a venres de 08.00 a 15.00 horas no concello do Rosal e contará cun salario bruto de 1.900 euros mensuais con pagas extras prorrateadas.  

 Trátase dun posto de incorporación inmediata, xa que comezaría a impartir clases o vindeiro 13 de decembro  e remataría en setembro de 2025. As persoas interesadas deberán poñerse en contacto á maior brevidade posible coas Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local (AEDL) de calquera dos dous concellos. 

 As alcaldesas do Rosal e de Tomiño, Ánxela Fernández Callís e Sandra González, destacan a importancia deste obradoiro, xa que “non só estamos creando emprego, senón poñendo en valor o que nos fai únicos. Este proxecto ten o potencial de transformar vidas e protexer o noso patrimonio e precisamos atopar a esa persoa que axude a formar profesionais comprometidos e comprometidas co seu traballo, coa nosa historia e coa nosa cultura”. 

 O alumnado deste obradoiro de emprego recibirá máis de 1.200 horas de formación dende o vindeiro mes de decembro en dúas especialidades moi demandadas e con gran necesidade de man de obra, dando resposta ás necesidades do sector laboral. As sesións teóricas comezarán no centro de formación da Mata, no Rosal, mentres que as prácticas se desenvolverán en diferentes lugares de interese patrimonial dos dous municipios. Así, levaranse a cabo actuacións nos muíños do Folón e do Picón, e no Camiño de San Vicente, Cruz da Portela e Portecelo no municipio rosaleiro, mentres que en Tomiño centrarase en diferentes elementos patrimoniais situados en Goián, como o muíño da Regueira, os lavadoiros do Marco e do Regatiño ou o cruceiro da Soidade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario