27 de nov. de 2024

ECONOMÍA

Xornada de folga e de mobilizacións na automoción galega en defensa dos postos de traballo e dos dereitos laborais 

  A CIG ten convocado un paro de 24 horas este xoves 28 e protestas en Vigo, Pontevedra e Ourense para reclamar medidas ante a crise do sector




Infogauda / Galiza 

 A automoción galega vivirá unha xornada de folga este xoves 28 de novembro en defensa do emprego e dos dereitos laborais das persoas traballadoras dun sector que se atopa nunha “situación límite” como consecuencia do proceso de “reconversión, deslocalización e precarización” que atravesa dende a irrupción do vehículo eléctrico. Este día de loita promovido pola CIG incluirá tamén mobilizacións en Vigo, Pontevedra e Ourense. 

 O paro -que conta co apoio explícito de máis de 30 organizacións sindicais de Europa, Latinoamérica e África- dará comezo ás 22:00 do mércores 27 e rematará ás 24:00 horas do xoves 28 e afectará tanto á empresa principal Stellantis como ao arredor de 50 compañías auxiliares e de compoñentes, mais tamén ás contratas que prestan todo tipo de servizos nas fábricas da industria do automóbil (subministros, mantemento, limpeza, etc).  

 Ademais, o propio xoves 28 haberá mobilizacións en Vigo (manifestación dende Praza América até Stellantis ás 10:00 horas), Pontevedra (concentración na Praza da Peregrina ás 11:00 horas) e Ourense (concentración na Casa de Chocolate ás 12:00 horas). 

 A convocatoria é un paso máis no intenso traballo sindical” que a CIG-Industria leva anos desenvolvendo en defensa do emprego e das condicións laborais nun sector que se atopa “en situación de emerxencia” pola fonda crise que atravesa, o que está a intensificar a precarización das condicións de traballo e a perda de dereitos sociais. “Dende a pandemia os traballadores/as padecen ERTE continuos de 30, 60 ou 90 días de duración que sufragan coas súas prestacións por desemprego; ao que hai que sumar a pregresiva desregulación da xornada laboral, até o punto de que agora se traballa fins de semana, domingos e festivos e despois descánsese durante a semana”, sinalan dende a central sindical. 

 Outra consecuencia desta situación é o aumento da flexibilidade interna nas empresas, “que provoca que a maioría dos cadros de persoal non saben cales van ser os seus horarios a semana que vén nin cantos días van traballar durante a semana, por exemplo”. Unha flexibilidade que impide a conciliación da vida persoal e laboral. Este proceso “imparábel” de precarización das condicións de traballo contrasta co feito de que Stellantis rexistrase 18.600 millóns de euros de beneficio o ano pasado, tal e como denuncian dende a CIG.  

 Neste contexto o CEAGA, o clúster que agrupa as empresas da automoción galega “segue a tirar pedras contra o seu tellado”, xa que non cuestiona as directrices de Stellantis que obrigan a abaratar custes, “e o único que fai é recortar empregos, salarios e dereitos”.  

 Por iso na CIG consideren esencial a folga e a mobilización, “para dicir alto e claro que até aquí chegamos, porque non pode ser que as persoas traballadoras da industria galega do automóbil estean a ingresar salarios inferiores a antes da pandemia por culpa de paradas constantes da produción; unhas paradas que antes eran supostamente consecuencia da situación derivada da covid, logo da crise dos microchips, e agora xa non se sabe de que porque as empresas xa non dan explicacións e semella que os ERTE se normalizaron no sector.”  

Sen política industrial nin plan de futuro 

 Para a CIG o “futuro incerto” que afronta o sector é consecuencia da falta dunha política industrial de país por parte da Xunta e da ausencia de investimentos por parte da Stellantis de cara á fabricación de novos modelos. “Nin as persoas traballadoras da empresa principal nin as das auxiliares sabemos a día de hoxe o plan industrial que se vai aplicar nos vindeiros anos, porque nestes momentos estase a fabricar o mínimo de vehículos eléctricos esixidos para poder manter as axudas e os proxectos, e se non fabricamos novos modelos o sector galego do automóbil desaparecerá”. 

 En canto ao papel que está a xogar a Xunta, censura que a Administración autonómica vaia por detrás das iniciativas que está a tomar a propia central sindical, até o punto de que o Goberno galego declarou a comezos de ano o sector como estratéxico, “curiosamente despois da campaña de protestas desenvolvida pola CIG a finais de 2023 e a pesar de que teñen plenas competencias en política industrial dende hai anos”. 

 Posteriormente, e de novo pouco despois de que a central sindical se mobilizase, presentou o anteproxecto do plan director do sector da automoción. “Desenvolvemos unha concentración diante da delegación da Xunta en Vigo o 10 de xullo, onde entregamos as nosas propostas para a industria do automóbil, e nove días despois o Goberno galego comunícanos que inicia o proceso para elaborar o plan director e invítanos a facer achegas ou consideracións para incorporar ao anteproxecto”. 

Principais propostas da central para o sector 

 A CIG esíxelle ás administracións públicas que impulsen un plan industrial para Galiza que propicie unha industria da automoción forte e xeradora de emprego, ao tempo que demanda a participación da Xunta directamente, ou a través de empresas mixtas, na constitución de novos proxectos industriais vitais para o sector. 

 Tamén que as subvencións e axudas millonarias que se lle dan a Stellantis teñan o compromiso da planta de Vigo da fabricación de novos modelos, para garantir a creación de emprego en todo o tecido industrial, especialmente nas empresas de compoñentes.  

 E o compromiso do Ministerio de Industria e Transición Ecolóxica co sector galego da automoción que axude a afrontar o futuro con garantías e que free o proceso de deslocalización de boa parte da actividade auxiliar para abaratar custes, mentres se aplican rebaixas salariais e laborais coa escusa de gañar competitividade. 

 A creación dunha Mesa Galega da Automoción, integrada polo CEAGA, as centrais sindicais e as tres universidades galegas, que impulse un plan galego para a industria da automoción no que se recollan medidas de apoio en I+D+i. 

 A instalación dunha planta de baterías en Galiza. Xa que non ter unha planta de fabricación de baterías expulsa o sector galego da automoción do taboleiro da fabricación do coche eléctrico. 

 Unha aposta pola fabricación dos novos compoñentes do automóbil eléctrico. O Goberno galego ten que activar un plan para a atracción das plantas de fabricación dos novos compoñentes dos coches eléctricos. 

 Un plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal. Que se fagan as modificacións oportunas e se restableza o dereito á xubilación parcial aos 60 anos para todos os colectivos. 

 E formación cara ao novo sistema de fabricación. Precisamos dunha formación profesional pública que permita a clase traballadora adaptarse a esta nova revolución industrial. 

 Ademais, instan a garantir a integración laboral das persoas con capacidades distintas na cota reserva das empresas para acabar coa precariedade e explotación das persoas con capacidades distintas subvencionada cos Centros Especiais de Emprego no sector da automoción galega. 

 Ao tempo que solicitan unha tarifa eléctrica galega, un novo marco regulador da enerxía máis xusto e estábel que faga a nosa industria máis competitiva, con prezos da enerxía menores aos do resto dos territorios do Estado por ser Galiza produtora excedentaria de enerxía. 

 Por último, un Marco Galego de Relacións Laborais con plenas competencias en materia lexislativa, normativa e de regulación do mundo de traballo no noso país, co obxectivo de garantir unhas condicións laborais e salariais dignas para a clase traballadora galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario