15 de nov. de 2024

ECONOMÍA

Intensa mañá de protestas en Vigo e Nigrán do persoal de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra por un convenio digno 

As mobilizacións coincidiron coa nova xornada de folga convocada pola CIG 


Mobilización do persoal de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra polas rúas de Vigo

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 O persoal de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra protagonizou onte xoves, 14 de novembro, unha intensa mañá de mobilizacións en Vigo e Nigrán coincidindo coa xornada de folga que a CIG convocara para esa data para reclamar un convenio colectivo digno. 

 O paro de 24 horas volveu ter un amplo seguimento no sector en resposta á negativa da patronal -a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP)- a convocar a mesa negociadora dun convenio que está paralizado dende o ano 2012 e que contempla salarios moi por baixo do salario mínimo interprofesional. “Isto está a provocar unha situación de precariedade económica insostíbel entre as persoas traballadoras”, denuncian dende a central. 

 Durante a xornada leváronse a cabo dúas mobilizacións: unha concentración a primeira hora da mañá diante do Pazo de Cea, en Nigrán, coincidindo coa celebración do III Foro Empresa Sostenible que organiza a CEP; e unha manifestación ao mediodía dende o cruce de Vía Norte até o Farol de Urzaiz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario