Luis López fai balance dos investimentos da Deputación no sur da provincia: 23 M€ en obras en 15 concellos e un impulso inédito ao deporte, á cultura e aos colectivos
• O presidente provincial, acompañado pola deputada Nava Castro, iniciou en Ponteareas unha rolda de encontros informativos comarcais para repasar os proxectos e programas postos en marcha pola Deputación ao longo do ano 2024 nas comarcas da provincia
Infogauda / Comarcas
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca un investimento de case 23 millóns de euros neste ano 2024 nos concellos do sur da provincia a través de programas como o +Provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o PON2030 ou en diversas actuacións do servizo de Infraestruturas. O mandatario provincial iniciou este mércores en Ponteareas, acompañado pola alcaldesa e deputada, Nava Castro, unha rolda de almorzos informativos con medios de comunicación locais para facer balance das iniciativas postas en marcha pola Deputación nas comarcas. "Este encontro é o primeiro da media ducia que temos previsto realizar polas comarcas da provincia de Pontevedra co obxectivo de facer un balance do feito e do que queda por facer, intercambiar impresións e analizar o labor da Deputación nestes quince concellos do sur da provincia", explicou o presidente López.
Despois da apertura do encontro por parte da rexedora Nava Castro, tomou a palabra o presidente provincial Luis López, para detallar os grandes proxectos emprendidos na capital do Condado, que teñen na posta en marcha do plan director do Castelo de Sobroso, dotado con 1,5 millóns de euros un dos plans máis sobresaíntes para dinamizar un atractivo que suma xa 2.000 visitas máis ca o ano pasado. Ademais, a Deputación investiu máis de dous millóns de euros a través de diferentes iniciativas do +Provincia, o Plan de Infraestruturas Deportivas ou o PON2030. Así mesmo, Ponteareas converteuse este en punto de saída dunha etapa de La Vuelta, un dos eventos deportivos máis seguidos do mundo; e tamén do Gran Camiño, a máis importante carreira ciclista de Galicia. No eido cultural, celebrouse a primeira edición da residencia artística Artistea e colaborouse na celebración do Rock in Río Tea.
Do mesmo xeito, a pegada na Deputación en Ponteareas está tamén nos 177.000 euros investidos para remodelar o campo de fútbol de San Mateo, os máis de 30.000 euros en apoio a clubs deportivos do concello, a cooperación con máis de 53 entidades culturais e 20.000 euros do Cultureae o +Música ou os 60.000 euros en apoio a seis entidades veciñais e 110.000 euros para doce comunidades de auga do +Aqua.
"Nava Castro é xestión, ideas, visión, modernidade, solvencia e proxección exterior. É, en definitiva, a mellor aliada de Ponteareas dentro e fóra da Deputación. En quince meses como alcaldesa ten convertido este concello nun referente a moitos niveis", salientou o presidente provincial antes de detallar unha serie de proxectos comúns nos que cooperan a administración provincial e municipal. "Todo isto é obra da Deputación e, por extensión, de alguén que pide tanto como dá: de Nava Castro", subliñou o presidente López.
Municipalismo nos 15 concellos do sur da provincia
A continuación, repasou Luis López os proxectos máis destacados postos en marcha nos restantes concellos do sur da provincia. No caso de Mondariz, sobresae o medio millón de euros destinado a área deportiva da Lagoa e o compromiso adquirido co novo alcalde de executar 2,5 millóns de euros en investimentos estratéxicos como a reforma da estrada entre Sabaxáns e Cernadela, a senda de Fozara ou a reparación da ponte sobre o Tea. En Mondariz-Balneario, destínanse 330.000 euros para o acondicionamento da segunda planta da casa consistorial; nas Neves, medio millón de euros para a praza de Santa María de Liñares ao abeiro do PON2030; e Salvaterra recibe máis de 1,2 millóns de euros do ente provincial para proxectos como a humanización da rúa da Forca.
Na comarca do Paradanta, a Deputación está a executar en Arbo a mellora da contorna da Igrexa de San Sebastián por 420.000 euros; na Cañiza, destina 630.000 euros para financiar a totalidade da obra do campo de fútbol de Augas Férreas; en Covelo, financia con 370.000 euros a obra do ximnasio municipal; e en Crecente, inviste 430.000 euros para modernizar o campo de fútbol do Concello.
Na comarca do Baixo Miño, A Guarda recibe un apoio de máis dun millón de euros para a actuación no Edificio Sinde; no Rosal, achega 130.000 euros para adecuar o camiño de Marzán; en Tui colabora no 80 % do custo da transformación da zona da Corredoira e tamén na mellora da contorna da praza de abastos; en Tomiño, destina 1,3 millóns de euros para a rehabilitación enerxética da casa da cultura e 460.000 euros para o saneamento de Carregal; e en Oia, 400.000 euros para reformar a praza de abastos. Ademais, en Salceda de Caselas o ente provincial mobiliza 130.000 euros para mellorar as piscinas municipais.
Un resumo de obras que recollen tamén outras actuacións en distintos ámbitos da vida social, deportiva e cultural destas comarcas como son a colaboración co festival transfronteirizo Ikfem, o impulso ao patrimonio arqueolóxico a través de Trazas ou as incontables reunións con colectivos e rexedores destes municipios.
Demandas ao goberno central
Con todo, hai proxectos e desafíos que están fóra do marco de competencias da Deputación, pero que cuxa atención é moi necesaria. "O sur da provincia está agardando por actuacións imprescindibles para o noso progreso económico, que dependen da vontade do Goberno de España, e aí si me gustaría que houbera un consenso que superara cores políticas e intereses partidistas", afirmou o presidente López reclamando que se dea prioridade á conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto, así como axilizar a saída sur e mellorar a liña do Miño. Do mesmo xeito, reclama bonificacións na AP-9 ou consenso para o estatuto traballador transfronteirizo ou para o dragado do Miño.
"A partir do 1 de xaneiro, co novo orzamento, continuaremos desenvolvendo o novo plan de infraestruturas deportivas duplicado, outro +Provincia de récord e o Plan Provincia Extraordinaria. O que significa que teremos un 2025, como mínimo, igual de prometedor que o actual 2024", augurou o presidente da Deputación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario