28 de out. de 2024

TUI

Máis de medio centenar de persoas doaron a súa voz en Tui 

Para que as novas tecnoloxías tamén falen e entendan o galego 


O alcalde de Tui tamén participou na xornada de “captación de voz” promovida polo Proxecto Nós que se desenvolveu na aula CEMIT, no edificio Francisco Sánchez
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 Máis de medio centenar de persoas contribuíron a que as novas tecnoloxías poidan entender e falar en galego. Foi o pasado xoves na xornada de “captación de voz” promovida polo Proxecto Nós que se desenvolveu na aula CEMIT, no edificio Francisco Sánchez.  Dende ás dez da mañá e até ás oito da tarde foron ducias de persoas as que se sumaron a esta iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, que neste caso contou coa colaboración do Concello de Tui, para que o galego tamén estea presente nos novos desenvolvementos dixitais.  

 Entre os primeiros en achegarse a aula CEMIT estiveron o alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, que gravaron os textos facilitados pola organización contribuíndo así coa súa voz a este proxecto. Grazas a ese traballo lograrase que todo tipo de máquinas e dispositivos electrónicos poidan “entender” e “falar” o galego, de xeito que poidamos empregar a nosa lingua en calquera ámbito tecnolóxico como cando lle damos unha orde ao GPS do coche; cando falamos cun asistente de voz como Siri ou Alexa; ou cando se xeran subtítulos de contidos audiovisuais de forma automática…  

 Tui foi un dos 16 concellos seleccionados polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Secretaría Xeral da Lingua para a realización desta recollida in situ de voces entre a veciñanza.    

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou a súa satisfacción por ser Tui un dos concellos elixidos para desenvolver esta xornada, destacando a colaboración que se logrou por parte da veciñanza tudense.  

 As persoas que desexen sumarse a este proxecto coa súa voz poden facelo en liña en https://doagalego.nos.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario