15 de out. de 2024

PONTEVEDRA

 Enfermidade Hemorráxica Epizoótica  

Abel Losada reclámalle á Xunta a convocatoria urxente das axudas para compensar o sector gandeiro polo impacto da “covid das vacas”  

Acusa a Medio Rural de manter bloqueado o reparto dos 2,8 millóns de fondos estatais que lle foron transferidos para este fin 

“A Xunta permaneceu de brazos cruzados ata que o Goberno de España mobilizou os seus recursos e, unha vez dispoñibles, non mostra ningunha présa” 

Lamenta que o goberno galego limite as súas aportacións a 2,6 millóns de euros e non iguale a cantidade aportada polo Ministerio  


Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra

Infogauda / Pontevedra

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, reclamoulle á Consellería de Medio Rural o desbloqueo dos 2,8 millóns de euros que o Ministerio de Agricultura transferiu o mes pasado á Xunta e a convocatoria urxente da orde de axudas directas anunciada co fin de paliar os efectos que o virus da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) está a causar nas explotacións gandeiras galegas.  

 Sinalou que “o goberno de Rueda quedou barazos cruzados e sen dar ningún paso para afrontar esta crise no sector gandeiro ata que o Ministerio mobilizou os seus recursos pero, unha vez dispoñibles”, engadiu, “observamos como tampouco demostran ningunha celeridade”.  

 Losada subliñou que o Ministerio aprobou o reparto entre todas as comunidades autónomas dun total de 15 millóns de euros, resultando Galicia a terceira comunidade máis beneficiada de toda España. Con todo, lamentou que “os gandeiros sigan sen ter ningunha nova sobre as subvencións a pesar de que a Xunta ten os fondos dispoñibles desde hai case un mes”.  

 Doutro lado, o subdelegado do Goberno criticou que as aportacións anunciadas polo ente autonómico queden en 2,6 millóns de euros e, por tanto, non vai igualar os máis de 2,8 millóns de euros que o Goberno de España vai transferir para axudar a paliar os danos no sector gandeiro. “A Xunta cifrou en diversas informacións o importe total das axudas en 5,4 millóns, pero agochou que a maior parte destes fondos son transferidos polo Goberno de Pedro Sánchez”, afirmou Losada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario