18 de out. de 2024

O ROSAL

A Explanada do Horizonte, recoñecida como espazo público de referencia na exposición ‘De puertas afuera’ do Ministerio de Axenda Urbana  

 O proxecto do Concello do Rosal é un dos tres seleccionados como de atención especial nesta mostra que se achega a 10 espazos públicos de toda España dende a ollada da súa veciñanza  


A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís - no centro - con María Fandiño Iglesias, arquitecta responsable do proxecto Explanada do Horizonte; e o Secretario Xeral de Estado de Axenda Urbana, Vivenda e Arquitectura, Iñaqui Carnicero

Foto: C.O.R.

 

Infogauda / O Rosal

 A Explanada do Horizonte do Rosal, elixida como un dos proxectos de especial atención na prestixiosa exposición ‘De puertas afuera’ do Ministerio de Axenda Urbana, Vivenda e Arquitectura, un recoñecemento que destaca este espazo público como exemplo de acceso universal e inclusivo. A mostra, que acolle a Casa de la Arquitectura de Madrid e que reúne dez proxectos de paisaxe de toda España, reflexiona sobre o impacto dos espazos públicos dende a ollada das persoas que os habitan, os xestionan e os coidan. Os retratos da súa veciñanza, de historias, orixes e condición diversa, poboan a exposición, dialogan entre eles e, xuntos, ofrecen unha reflexión sobre o espazo público do país.  

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou como “este tipo de recoñecementos fannos conscientes da importancia de xestionar os espazos públicos como elementos transformadores. Son máis que lugares físicos, son espazos que crean comunidade e fortalecen lazos”. 

 “A Explanada do Horizonte representa unha forma de convivir coa nosa contorna, de integrala na vida cotiá e no desenvolvemento do noso municipio. Este recoñecemento pon en valor a nosa aposta por un espazo que non só organiza o territorio, senón que convida á reflexión sobre o papel dos espazos públicos en concellos como o noso”, destacou a rexedora, que acudiu á inauguración da mostra este xoves. Ao acto tamén asistiron a arquitecta responsable do proxecto, María Fandiño, e o Secretario Xeral de Estado de Axenda Urbana, Vivenda e Arquitectura, Iñaqui Carnicero.  

 A exposición, comisariada polos arquitectos Ana Amado, Jaume Prat e Xevi Bayona, ten como obxectivo explorar como os espazos públicos fomentan a convivencia, a inclusión e o benestar social. Os proxectos seleccionados de especial atención, que foron a Explanada do Horizonte do Rosal, o Parque de la Hoya de Almería e o Eixe Consell de Cent en Barcelona, foron documentados a través de fotografías e filmacións que conforman o eixo principal da exposición. Dividida en tres salas, a última acolle unha pantalla tripla de doce metros de ancho por toda a altura do zócalo que compara e fai entrar en diálogo a estes tres espazos públicos nunha experiencia inmersiva. 

 A mostra tamén conta coa presenza de outros sete proxectos: o Parque de los Jardinillos de Palencia; a Plaza de la Sinagoga en Onda; os Retablos Urbanos en Burgos; o Ascensor urbano en Errentería; a Plaza del Zarrón en Almazán, a adecuación paisaxística na cornisa do Conquero; e a Paisaje en Horizontes nas Palmas de Gran Canaria. 

 A exposición estará aberta ao público nas salas do soto da Casa de la Arquitectura, de Madrid, ata abril do vindeiro 2025. A entrada á mostra é libre, aínda que é necesario rexistrarse previamente a través da páxina web oficial. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario