9 de out. de 2024

GALICIA

Aberta a convocatoria para a sexta edición do Premio Internacional de Investigación en Cardioloxía Ramiro Carregal  

Poden presentarse candidaturas ata o 20 de decembro de 2024 a través da páxina web do premio, onde se poden consultar as bases e toda a información requirida  

O galardón, dotado con 30.000 euros, servirá para seguir impulsando a investigación das enfermidades valvulares cardíacas 

 

Gala de entrega do Premio de Cardioloxía do ano pasado no que resultou gañador o proxecto liderado pola Dra. Ana Belén Cid Álvarez

Rebeca Santomé Seijas / Santiago de Compostela

 Co obxectivo de recoñecer o labor dos investigadores en enfermidades cardíacas, convócase unha nova edición do Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía. O prazo de presentación de proxectos estará aberto ata o 20 de decembro deste ano 2024, tal como sinalan as bases publicadas na web, onde se pode consultar toda a información relativa ao mesmo, así como descargar os modelos de solicitude necesarios para optar ao galardón, dotado con 30.000 euros e título acreditativo.  

 O traballo que resulte gañador desta sexta edición sumarase aos cinco anteriores, entre os que se atopan os doutores Carlos Peña Gil, Amparo Martínez ou Ana Belén Cid, entre outros cardiólogos e investigadores que traballan en distintos ámbitos relacionados coas enfermidades valvulares, responsables de boa parte dos problemas cardíacos na nosa sociedade.  

 O presidente executivo do Xurado é o Dr. José Ramón González Juanatey, catedrático de Cardioloxía e xefe do Grupo de Investigación en Cardioloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), cunha destacada traxectoria profesional en ámbito nacional e internacional. A avaliación das candidaturas será realizada polo xurado constituído por membros da comunidade científica, académica e investigadora. 

 A entrega do premio realizarase nun acto solemne en Santiago de Compostela, en data e hora a determinar, coa asistencia de personalidades relevantes do ámbito académico, político e social, así como da medicina e das ciencias da saúde. 

Investigar para avanzar 

 O presidente honorífico do xurado, Ramiro Carregal Rey, mantén desta forma o seu compromiso co impulso e apoio ao labor de investigadores e científicos que traballan na procura dunha mellora no tratamento das enfermidades cardíacas, que supón a principal causa de morte no mundo e en España. “É un deber de toda a sociedade apoiar a investigación e a sanidade, debido a que de ambas nos beneficiamos todos antes ou despois”, sinalou o empresario. As súas achegas supuxeron un importante avance no ámbito da investigación das patoloxías e tratamentos destinados ás válvulas cardíacas.  

 O presidente de Frinsa aposta pola investigación e a sanidade convocando estes premios creados en 2018, aos que se suman os premios de investigación en Oncoloxía que tamén teñen aberta a súa próxima convocatoria.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario