Os Bolechas estrean a súa nova orquestra nunha xira por toda Galicia
• “Os Bolechas tocan nunha grande orquestra” é o nome da nova obra de teatro que se atopa dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes.
• Visitarán un total de 21 concellos; a próxima parada será o vindeiro xoves 31 de outubro no municipio da Ponteceso
Despois da súa estrea en Boiro, a nova xira de teatro “Os Bolechas tocan nunha grande orquestra” chega aos teatros de toda Galicia Foto: Cedida |
Rebeca Santomé Seijas / Santiago de Compostela
O tambor, a guitarra, o piano, a frauta... son algúns dos instrumentos musicais que soan na orquestra dos Bolechas. Despois da súa estrea en Boiro, a nova xira de teatro “Os Bolechas tocan nunha grande orquestra” chega aos teatros de toda Galicia para ofrecer un gran concerto ás nenas e nenos e transmitirlles a importancia da colaboración e a creatividade.
Neste teatro de monicreques, os irmáns Bolechas xunto co seu can Chispa, deciden construír un escenario musical despois de atopar unha caixa chea de instrumentos musicais para ofrecer un gran concerto. A medida que as melodías do tambor, a guitarra, o piano ou a frauta soan, aprenden os diferentes estilos musicais e compoñen as súas propias cancións. O obxectivo é experimentar cos instrumentos e crear novos ritmos entre a cativada, ao mesmo tempo que se divirten en galego.
A nova xira está orientada a un público cativo de entre 5 a 12 anos e ás súas familias. Deste xeito, a obra pretende fomentar o interese pola música e polo coñecemento dos distintos instrumentos musicais cun guión cheo de diversión. Os Bolechas son referentes na promoción e uso do idioma galego, polo que se trata dunha perfecta alternativa de ocio en galego, que motiva o coñecemento dos nenos e nenas, ao mesmo tempo que reforza a música como un elemento de conexión entre as persoas.
Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Dende a Secretaría, remarcan a importancia desta iniciativa xa que “Os Bolechas son un referente positivo para os cativos na promoción e o uso da lingua e cultura galegas, así como unha forma de dinamizar o ocio en galego”, apuntan.
Datas da xira
Cun total de 21 actuacións, o concello de Boiro e o de Ferrol foron as primeiras paradas da familia. Seguiranlle Ponteceso, Miño, A Laracha, Burela, Ourense, O Grove, Tui... e máis datas por confirmar.
Calendario
MIÑO. Venres, 8 de novembro. 18 horas. Centro Social da Rúa
A LARACHA. Sábado, 9 de novembro. 17:30 horas. Casa da Cultura
VALDOVIÑO. Domingo, 10 de novembro. 18 horas. Casa da Cultura
CEDEIRA. Sábado, 16 de novembro. 13 horas. Auditorio Municipal
BURELA. Sábado, 16 de novembro. 18:30 horas. Casa da Cultura
OURENSE. Domingo, 17 de novembro. 12 horas. Liceo de Ourense
GUITIRIZ. Venres, 22 de novembro. 18 horas. Casa Habanera
MUGARDOS. Sábado, 23 de novembro. 19:30 horas. Sociedade Amigos da Paisaxe Galega (O Seixo)
AS NEVES. Domingo, 24 de novembro. 17:30 horas. Auditorio José Gil
O GROVE. Venres, 29 de novembro. 11 horas. Auditorio Municipal (público escolar)
VALGA. Venres, 29 de novembro. 20 horas. Auditorio Municipal
ARTEIXO. Sábado, 30 de novembro. 19 horas. Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo Manuel Murguía
CEE. Domingo, 1 de decembro. 17:30 horas. Casa da Cultura
TUI. Xoves, 5 de decembro. 19:00 horas. Teatro Municipal
O BARCO DE VALDEORRAS. Sábado, 7 de decembro. 18:00 horas. Teatro Lauro Olmo
Os Bolechas para aprender e divertirse
Desde que comezaron a publicarse no ano 2000, Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno. Con máis de 700 títulos publicados e máis de 2.000.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.
Este seguimento masivo e continuo durante máis de 24 anos permitiu a toda unha xeración de galegas e galegos achegarse á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida –posto que os Bolechas usan sempre o galego na súa versión orixinal–, o que supuxo un importante papel na promoción e difusión do idioma. Tanto é así que moitos nenos teñen na casa –e sobre todo no colexio– o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico, que contribúe á formación dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia mediante o pracer e o divertimento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario